04/03/2009

CUARTA SEGUIDA DE HIDDINK

Guus Hiddink segue reparando aos poucos á engrenaxe do Chelsea. Dende a súa chegada para substituír a Scolari, os londinenses suman catro vitorias seguidas -tres en Liga e outra en Champions-, e recuperan de vagar os seus sinais de identidade. O principal, sen dúbida, o rol protagonista do marfileño Didier Drogba, quen onte marcou o gol da vitoria (0-1) en Fratton Park contra o Portsmouth despois dun partido de claro dominio dos blues. O Chelsea segue agardando un tropezo do United, ao igual que o Liverpool que se impuxo (2-0) en Anfield ao Sunderland, con Mascherano xogando de lateral dereito e goles no segundo tempo do enrrachado Benayoun e do francés N´Gog. Pola súa banda, o Arsenal acabou no campo do pechacancelas West Brom, coa súa seca goleadora dos últimos catro partidos ligueiros. Gañou por 1-3 con dous goles do dinamarqués Bendtner, que os necesitaba como o comer, e outro de Kolo Touré. Chelsea e Liverpool agardan agora polo partido de hoxe do United, de resaca tras a vitoria na Carling Cup ante o Tottenham. Por certo, o xogador croata dos spurs, Luka Modric, vén de dicir que non atura a teatralidade de Cristiano Ronaldo. Poucos días antes, o seu compañeiro ruso Roman Pavlyuchenko consideraba a Berbatov, ao que fora substituír despois da marcha deste ao United, un esnob arrogante. Pavlyuchenko xa chegaba ben advertido a White Hart Lane, pois o ucraíno Rebrov, actualmente nas ringleiras do campión da liga rusa Rubin Kazan, dixéralle que tivera coidado nos exteriores do estadio pois está "inzado de negros". Vaites co vestiario do Tottenham!

Nenhum comentário:

Postar um comentário