09/03/2009

QUINCE MINUTOS DE CATARSE

O deportivismo necesitaba unha vitoria (5-3) como esta coa que queimar varios meigallos de vez e marchar a casa cun sorriso deses papóns que tan ben sentan. En apenas quince minutos cuestionáronse varios dos tabús que nos acompañaban dende facía case un lustro: a falta de gol, a incapacidade de remontar un resultado adverso, que Valerón non volvería ser o de antes, a falta de oportunidades da canteira, etcétera, etcétera. E iso que o primeiro tempo parecía confirmar os piores defectos do equipo esta temporada. Saíu o Dépor apampado, permitindo que no segundo 25 o equipo contrario xa levara un gol de vantaxe no marcador: de Jonathan Pereira, vigués co que de todos os xeitos parece que hai unha sorte de atracción fatal que acabará nalgún tipo de relación futura. O Deportivo reaccionou con bravura e atopou o gol do empate nunha xogada na que tiveron participación destacada dous xogadores que ate fai pouco tentaban despuntar por Abegondo: magnífica subida por banda de Laure, que como ben di Lotina "fixo o partido da súa vida", parede con Lassad que devolveu o balón cun sutil pase de calcaño que confirma que este rapaz, por veces, teima en parecerse a Berbatov, e centro ao primeiro pao no que apareceu outro xogador que nos últimos partidos estase a reivindicar como fundamental: Juan Rodríguez. Porén, o Dépor volveu bater nunha pedra coa que xa bateu varias veces este ano. Despois de facer o máis difícl: empatar, volve complicarse a vida ao ceder unha contra innecesaria, se ben precedida dun erro arbitral de Mateu Lahoz, que máis podería chamarse Mateu Lavoz, pola súa teima de perxudicar ao Deportiviño. O caso é que chegabamos con 1-2 ao descanso e a sensación de que volviamos deixar ir na casa o que tanto nos costara gañar fóra a semana anterior contra o Numancia. Mais logo todo mudou. O equipo converteuse nunha máquina de facer fútbol. Lassad nunha xenial asistencia déixoulle en bandexa o empate a Riki ante a pasividade da defensa cántabra, Lafita sacou a súa condición de killer para fusilar a Toño nun balón solto na área, Valerón inventou unha xenialidade das de antes e Riki acertou no un contra un: milagro. E sentenciouse nunha espléndida contra que comezou nunha banda e rematou na outra con aparición dende a segunda liña de Verdú: outro milagro. Con 5-2, logo co 5-3 e un pouquiño coa mosca trala orella, Riazor era unha festa. Vivíranse 15 minutos de auténtica catarse que nos poñían en postos UEFA e ante un futuro verdadeiramente esperanzador. Quedan aínda 11 partidos, o vindeiro no Molinón ante un Sporting capaz do mellor e do peor, nunha xornada na que Vila Real e Atlético por un lado e Sevilla e Málaga polo outro enfróntanse nun duelo directo. Despois de moito tempo volvemos soñar con algo bonito. Que dure!

Nenhum comentário:

Postar um comentário