23/03/2009

DJALMINHA: "XOGUEI AO MEU AIRE"

Impagable a entrevista de Juan Luis Cudeiro a Djalminha en El País de hoxe. Pregúntalle o xornalista: Pero vostede foi fundamental no bloque que armou (Irureta) para gañar a Liga. E respóndelle: Si, pero xoguei ao meu aire. Nunca seguín as súas instrucións. Púxome na banda, pero marcaba todos os goles polo medio e tivo que aturarme alí. E así foi. Djalminha nunca acatou as ordes de ninguén porque nunca concebiu o fútbol como o que é, un xogo marcado, en todas as súas dimensións, pola continxencia dun resultado. Por iso o fútbol nunca poderá ser considerado arte, mais de existir un museo do Louvre do fútbol, o partido de Djalminha contra o Madrid (5-2, 6 de febreiro de 2000), coas súas lambrettas e rabonas, bicicletas, pases co peito, coas costas ou co cú.... ocuparía a vitrina da Gioconda, porque ninguén poderá asegurarme, a non ser que minta, que viu algunha vez nun campo de fútbol algún xogador máis xenial e diferente que Djalminha. Como afeccionados poderemos presumir, dentro de moitos anos, de ter gañado unha Liga e dúas Copas, pero o verdadeiro orgullo será o de poder asegurarlle a un neto que viches xogar ao máis grande. Que viches, por exemplo, xogar por unha vez xuntos a Djalminha, Rivaldo e Fran, e que aínda que o partido acabase con empate a dous ante un modesto PSV, nunca tan cerca das bágoas estiveras vendo apenas un partido de fútbol. Seguramente me cabreei con el cando o do cabezazo a Irureta, ou cando algunha outra trangallada que, ao final, perxudicaba ao equipo. Mais co tempo, Djalminha fica como un deses personaxes que decidiron pasar pola vida xogando, porque non hai nada máis trascendente que vivir gozosamente, e eses, cando un bota a vista atrás, son os mellores. (Foto do AS, mais publicada na entrevista de El País)

3 comentários:

  1. Sáeme o teu enlace roto, pero xa puiden ler a entrevista.
    Na miña opinión, o problema de Cristiano é a súa actitude de "pavo real e de tío chulo do patio de colexio".
    Se deixase de facer acenos e se adicase a xogar aportaría moitísimo máis ao equipo, sobre todo nos malos momentos que é cando é preciso que aparezan os grandes xogadores. Fáltalle personalidade para asumir a responsabilidade dun equipo. No ManU é bastante doado, hai xogadores cunha personalidade descomunal (Ferdinand, Giggs, Scholes, Rooney) que ao ser da terra levan o peso, pero en Portugal el debería asumir a súa importancia, tirar do equipo para arriba, saber resolver as situacións con intelixencia non individualmente, como fai agora.
    En Portugal todos agardan que sexa o xogador que marque as diferenzas, e polo momento non o está a ser -vale que á eurocopa chegou afundido fisicamente e con esa lesión que o tivo parado a comenzos destas tempada-, pero todavía dista moito de ser esa superestrela como é considerado

    Según o que di Djalminha, non sei se vai dunha punta do campo a outra, sí sei que vai bastante por libre, que quere aparecer demasiado -Djalma aparecía o xusto-, que ten a manía dos estremos actuais que é deixar a banda e facer diagonais cara ao centro ou xogar polo centro directamente, que todavía ten certa tendencia a esquecerse de pasar o balón -mellorou moito niso, pero todavía lle queda-.

    Comparándoo con outros grandes xogadores: Zidane resolvía os partidos que se poñían difíciles, Messi tamén o fai. Ronaldinho curiosamene desaparecía nas finais. De momento Cristiano non aparece nos momentos nos que un xogador do seu nivel debería aparecer.

    É un pouco como o basket, non se trata de coller o último balón e lanzalo, senon de que coller os cinco últimos e que calquera xogador do equipo crea que pode meter eses cinco balóns.

    ResponderExcluir
  2. Por certo, Djalminha non conta nada que ningún de vos que íades a Riazor non soubésedes, ou estou equivocado?

    ResponderExcluir
  3. A verdade é que non, tes razón. Sempre se falou de que Irureta non sabía xestionar os seus vestiarios, que eran auténticos fervedoiros...mais o certo é que sempre soubo sacarlle os máximos rendementos aos seus equipos. Os seus números, en todos os equipos nos que adestrou ata o Dépor(Racing, Oviedo, Logroñés, Celta, Real Sociedad, mesmo no Athletic no que máis ben o botaron), son simplemente espectaculares. Poucos adestradores teñen un palmarés máis alucinante co de Irureta. Por iso, supoño que Djalminha faría efectivamente o que lle petaba pero que Irureta lle deixaría facer porque, claro está, era unha peza fundamental para gañar a Liga.

    ResponderExcluir