06/03/2009

A CRISE DOUTRO HISTÓRICO: O AROUSA

Falabamos fai dous días da folga dos xogadores do Teucro, que se mantén inda que acudirán a xogar mañán a Eibar contra o Arrate. Pois ben, outro club clásico, neste caso do fútbol galego: o Arousa S.C., vive unha situación semellante. Sumido en postos de descenso da Terceira galega, os xogadores levan catro meses sen cobrar e esta noite decidirán se se presentan mañán a xogar contra o Coruxo. A súa reivinidcación é que se lles paguen cando menos dúas das mensualidades pendentes pero o presidente do equipo de Vilagarcía, José Manuel Gómez, alega que non pode facer fronte aos pagamentos entrementres non cobre as subvencións concedidas e lle paguen as cantidades correspondentes aos valos de publicidade no estadio da Lomba. O equipo da oitava cidade de Galicia toca fondo nunha crise que se vén prolongando nos últimos anos, de continuos fracasos deportivos e un constante afastamento da masa social. Porén, hai que lembrar que o Arousa, fundado en 1940 é un clásico do fútbol galego, sendo o seu maior fito disputar no ano 1951 a Liga de 2ª División. Vilagarcía foi o primeiro lugar do Estado español no que se disputou un partido de fútbol. Foi o 26 de xuño 1873 cando mariñeiros dun cargueiro inglés baixaron á vila para xogar un partido ante a perplexidade dos vilagarciáns.

Nenhum comentário:

Postar um comentário