07/03/2009

O BARÇA RECUPERA A BALÓN PARADO

O Atletico de Madrid acabou no Bernabeu coa xeira de dez vitorias consecutivas do Real Madrid. Deste xeito, os brancos ceden dous puntos na súa intención de remontar a distancia na clasificación que lle leva o Barcelona, que onte gañou con facilidade (2-0) ao Athletic de Bilbao, no que foi un ensaio da próxima final da Copa do Rei. O Barcelona recuperou o ton de xogo da primeira volta e dispuxo dunha chea de ocasións para golear, sobre todo no segundo tempo, no que Eto´o, rifado co gol dende fai varias semanas, tivo as mellores. Porén, hai que dicir que aos cataláns custoulles entrar no partido, pois os de Caparrós saíron con poucos complexos, procurando manter o orde defensivo pero sen renunciar a saír con intención ao contragolpe. Deste xeito tivo Yeste unha oportunidade moi clara para adiantar o seu equipo, mandando fóra o balón nun fácil un contra un ante un Valdés derrotado. Polo xeral, errar unha ocasión como esa no Camp Nou é unha condena de morte. Efectivamente, aos dous minutos adiantouse o Barcelona grazas a un recurso do que está a tirar moito cando non funcionan as vías tradicionais: o balón parado. Xavi lanzou unha falta lateral e apareceu poderoso Sergio Busquets para marcar de cabeza. Co marcador a favor o Barcelona foise encontrando pouco a pouco coa súa mellor versión, con Xavi, Iniesta e Busquets xogando de primeiras no centro do campo, e con Messi asociándose con eles polo lado máis inesperado. Nunha destas asociacións, Iniesta entrou na área e foi derrubado por Gurpegi. O árbitro aprezou penalti e Leo Messi aproveitouno para poñer o 2-0 no marcador. A partir de aí o partido tivo pouca máis historia. O Athetic, canso do grande esforzo da Copa o mércores, non demostrou moitos folgos para procurar a remontada e o Barça xogou a pracer dispoñendo de máis dunha ducia de ocasións claras, polo que o 2-0 parece un resultado curto. Puyol retirouse do campo cunha lesión no nocello dereito que haberá que ver cal é o seu alcance vistas as baixas do Barcelona na defensa. Moito máis igualado (1-1) e vibrante estivo o derbi madrileño. O equipo de Juande, que viña de gañarlle 4-3 ao Barcelona o domingo pasado, foi moi superior ao Madrid. Juande experimentou na aliñación titular por mor da baixa de Pepe, que lle fixo meter a Ramos no centro da defensa e a Lassana Diarrá no lateral dereito, entrando Guti no centro do campo canda Gago. De todo este carrusel de cambios pola baixa dun só xogador resultou un Madrid moito mís inconsistente no centro do campo, que despois duns primeiros minutos de tanteo viuse superado por un Atleti moi agresivo. Os colchoeiros adiantáronse no 35 grazas a un gol de Forlán. No descanso, quixo Juande recompoñer o equipo dándolle entrada no lateral a Salgado e a Higuaín arriba, devolvendo a Lassana Diarrá ao centro do campo. O madrid mellorou pero o Atlético de Abel Resino defendeuse con moita seriedade, ao contrario do habitual nos seus últimos partidos. Os esforzos do Madrid morrían na liña de tres cuartos e a Robben costáballe o desborde tanto como o día do Liverpool. Finalmente o gol chegou nun balón de Higuaín a Huntelaar que, seica estaba en fóra de xogo. Co empate, o Atlético non deixou de procurar a vitoria e cara o final do partido dispuxo dunha chea de ocasións para marcar, sobre todo grazas á mobilidade do Kun Agüero. Finalmente o empate foi premio pequeno para o equipo do Manzanares. No outro partido da xornada, o Vila Real gañou un partido no que tivo moita sorte e unha actuación espectacular do seu porteiro, o galego Diego López. O Vila Real está sumido nunha pequena crise de xogo. Cóstalle xerar ocasións e moito máis pechar os partidos. Onte atopou o gol da vitoria (1-0), como o Barça, a balón parado cun cabezazo de Fuentes. Despois do gol, o Espanyol, que se afunde nos postos de descenso, deu un paso adiante na pocura do empate e ata o final do partido tivo unha chea de oportunidades. Diego López salvou unha chea de ocasións clarísimas de Nené, Luis García, Tamudo, ou mesmo da súa propia defensa facendo malabarismos para que o balón non cruzase a raia de gol. A oportunidade máis clara tívoa porén Luis García, que estrelou un penalti no traveseiro. O Vila Real consegue tres puntos riquísimos na súa loita pola Champions nun partido no que só a sorte e o seu porteiro lle impediron empatar ou perder ante un rival mellor. (Foto de Elemaki)

Nenhum comentário:

Postar um comentário