13/03/2009

UN EMPATIÑO QUE SABE A GLORIA

Gústanme especialmente os titulares das crónicas do xornal deportivo portugués O Jogo, tirando sempre de refraneiro ou da fala máis popular para explicar o que aconteceu en cada partido. Por exemplo, para explicar o meritorio empate do Sporting Braga no Parque dos Príncipes ante o PSG, titula: Parece bom mas foi um ai jesus. E é que o equipo, precisamente do Jorge Jesus tirou un moi bo resultado do campo dun equipo, o Paris Saint Germain, que recuperou esta temporada certo empaque despois do declive no que se sumira nos últimos anos. Na Liga so seu país é segundo a só dous puntos do líder, o todopoderoso Olympique de Lyon, e conta nas súas ringleiras cunha chea de xogadores contrastados: Kezman, Rothen, Giuly, Luyindula, Makelele, e promesas como o goleador Hoarau, herdeiro do mítico Pauleta. Mais o Braga non se achicou e saíu ao Parque dos Príncipes con vontade de dominar o partido para ledicia dos 5.000 portugueses que acudiron ao estadio. Xogou mellor durante os corenta e cinco primeiros minutos, tendo o balón, inda que sen crear demasiadas ocasións pero mantendo lonxe aos parixinos da porta do Eduardo. No segundo tempo mudou a historia. Paul Le Guen, técnico do PSG, botou o equipo arriba, inzouno de dianteiros e encirrou a bancada para procurar o gol. O Sporting defendeu como puido, obrigado a parar o xogo con faltas as máis das veces. Finalmente aguantuou o trebón francés e acadou un empate sen goles que permite afrontar a volta con garantías, inda que tamén co medo de que será obrigado manter a porta a cero. Noutros partidos, salientan a victoria do Manchester City ante o Aalborg, verdugo do Dépor, por 2-0. Marcaron Caicedo e Wright-Phillips no primeiro tempo e deixaron encarreirada a eliminatoria para a volta en Dinamarca. Non debera pensar que xa o ten feito o Udinese que rescatou un fermoso resultado, 2-0 ante a visita do actual campión, o Zénit. Marcaron Quagliarella no 85 e Di Natale no 97 e de penalti!. Os de San Petersburgo terán que facer unha machada no seu estadio, pero teñen calidade para iso e para máis. No duelo ucraniano, o Dinamo de Kiev impúxose (1-0) no seu estadio a unha das revelacións desta UEFA: o Metalist Kharkiv, que esperará a dar a campanada no seu estadio ante a súa torcida. Noutro partido destacado, no Velodrome de Marsella, o Olympique acadou un resultado que se antolla curto ante o Ajax (2-1). Cheyrou e Niang adiantaron aos seus máis o uruguaio Luis Suárez marcou o gol que pon de cara a volta para os holandeses. Do mesmo xeito, o Galatasaray viaxará a súa casa de Estambul cun marcador favorable (1-1). O Hamburgo complicouse a vida malia o gol de Janssen que igualaba o de Aykhan no primeiro tempo.Por último, o ofensivo Werder Bremen só puido marcar un gol temperán de Naldo no seu partido (1-0) ante o Saint Ettienne francés nunha das eliminatorias máis igualadas destes oitavos da UEFA. (Foto collida na web oficial da UEFA)

2 comentários:

  1. Eu tamén prefiro O Jogo aos outros xornais deportivos portugueses.
    Moi bo resultado o do Braga, que pouco a pouco está carburando cara os postos onde debería estar despois dun comenzo horrible de liga. Este ano ten un equipo bastante xeitoso, con xogadores que, persoalmente gústanme moito: Mossoró, Matheus, Aguiar, Meyong-Ze, o porteiro Eduardo -que penso que está por riba do nivel de Quim ou Moretto-, incluso Rentería que nonme gusta nada, está cumplindo bastante ben. Jorge Jesús ten ese aire de superioridade que non cae moi ben, pero é un bo adestrador

    A verdade é que vendo os mínimos presupostos que manexan tódolos clubes portugueses a excepción dos tres grandes e os soldos tan baixos que pagan -tería que buscar o dato exacto, pero o presuposto do Fátima, que baixou o ano pasado da liga vitalis, non chegaba aos 450 mil euros nin de lonxe, ou Ghilas que aceptou vir a Vigo porque doblaba o que cobraba no Vitoria e xa sabes como anda o Celta na súa economía- non sei por que os equipos galegos non acuden a buscar xogadores a Portugal, entre os rapaces das "camadas jovens" e os extranxeiros -brasileiros sobre todo- pouo coñecidos que collen continuidade en primeira e se fan xogadores nesa liga, seguramente saírían xogadores moi interesantes. O mesmo penso de moitos rapaces galegos de nivel interesante que "pasan o rato" xogando en equipos de terceira e que se quixesen arriscar e darlles unha volta ás súas carreiras irían probar a equipos portugueses. Estamos a un paso.

    Por certo non é que quera que perda sempre o FC Porto senon que me aburre que gañe sempre a liga.Por min, ogalla gañe a Champions, pero preferiría que este anonon gañase a liga sagres.
    Un saúdo

    ResponderExcluir
  2. Tes toda a razón. O fútbol portugués está cheo de oportunidades nos dous sentidos, mais pasa co fútbol como con tantas outras cousas: os galegos vivimos de costas a Portugal e viceversa.

    Canto ao do Porto, é certo que sempre gostei máis do Porto que dos equipos de Lisboa, mais ante todo gustaríame que esta temporada houbese emoción ata a última xornada, gañe quen gañe. Unha aperta

    ResponderExcluir