18/03/2009

UN INGLÉS DALLE O PASE AO MARSELLA

A eliminatoria entre o Olympique de Marsella e o Ajax tiña un punto de emoción especial. Tratábase de dous clásicos necesitados dos loureiros europeus. O partido da ida, co 2-1 a prol dos franceses, deixaba a eliminatoria moi aberta de cara ao partido de hoxe no Amsterdam Arena. E o partido non decepcionou en canto a emoción.  O camerunés Eyong Enoh puña, á media hora, o 1-0 a prol dos de Van Basten que lle daba a volta a eliminatoria. Pouco lle durou a alegría aos holandeses pois apenas dous minutos despois outro africano, o senegalés Niang, empataba para os franceses. No segundo tempo o 'serbio' Sulejmani igualaba a eliminatoria. O partido había que decidilo na prórroga e acabouno decidindo, como tantas outras veces, un anónimo lateral dereito, o inglés Tyrone Mears, que despois dunha errática carreira no seu país atopou o seu lugar no mundo no peculiar Velodrome da rue des Cannebières. Un descoñecido en Inglaterra que é xa un ídolo para a torcida do Olympique grazas ao seu gol de cabeza que puña o 2-2 no marcador e  lle daba o pase a cuartos ao equipo do barbudo Erick Gerets. Non será, en todo caso, o primeiro ídolo inglés da torcida marsellesa, despois da pegada inesquecible que neste clube deixara o Chris Waddle a comezos dos 90. Na outra eliminatoria resolta no día de hoxe o Werder Bremen selou o seu pase despois dun confuso partido de volta no que malia dominar o seu partido ante o Saint Etienne francés acabou pedindo a hora. Coa vantaxe de 0-1 no partido de ida, o equipo de Thomas Schaaf parecía resolver a eliminatoria cos goles de Prödl no 6 do primeiro tempo e do peruano Pizarro no 27. Mais os verdes reaxiron e a piques estiveron de amargarlle a tarde aos hanseáticos. Os franceses dispuxeron dunha chea de ocasións para marcar e conseguírono por dúas veces, con goles de Benalouane e Gax que, con todo, resultaron insuficentes para superar os alemáns. (A celebración do gol de Mears collina na web da UEFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário