17/03/2009

O BREOGÁN DESTITÚE A PACO GARCÍA

No Breogán sentou fatal a derrota do pasado sábado en Valladolid (79-62), despois de encaixar un parcial de 30-10 no terceiro cuarto. O equipo lugués, cun plantel que opta ao ascenso, foi incapaz de gañar ultimamente ante os equipos fortes da competición: Lucentum Alacante, Valladolid e Melilla. É por iso que a directiva optou esta noite por destituír a Paco García do cargo de adestrador, segundo informa El Progreso. O presidente do Breogán, Raúl López, di que a decisión foi “moi dura para o Consello de Administración (...) pero polo ben de todos, incluído o técnico, pero sobre todo polo ben do Breogán decidimos que Paco García deixe de ser o adestrador do Breogán”. O equipo lugués é na actualidade cuarto clasificado na Liga Regular. Ten practicamente asegurada a súa presenza nos playoffs, que xogan os equipos entre o 2ª e o 9ª –o primeiro ascende directamente- mais cómpre acadar a mellor clasificación posible para asegurar bos cruces e o factor cancha. A aposta do Breogán polo ascenso é clara. A un equipo no que salienta especialmente Brian Cusworth, uniuse nas últimas semanas o base italiano Andrea Pecile, talentoso xogador procedente da ACB. Especúlase agora co substituto do vallisoletano e soan os nomes de Manel Comas, Gustavo Aranzana e Sergio Valdeolmillos. Sexa quen sexa, estará obrigado a gañar este sábado no Pazo dos Deportes a un irregular Grupo Begar León. (Foto recollida na web da FEB)

2 comentários:

  1. merk, pasoche este enlace: http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2008/03/13/0003_6648009.htm
    o Lemos é o equipo de Galicia que máis temporadas estivo na 3ª división: creo que 52
    Fálache un socio do Lemos dende 1996

    ResponderExcluir
  2. Moitísimas gracias. Aí está todo! Unha aperta e a ver se o Lemos volve reverdecer vellas glorias. UNHA APERTA

    ResponderExcluir