19/03/2009

SHAQ FOI O PROTAGONISTA ANTE OS SIXERS

Os Sixers perderon (116-126) esta madrugada en Phoenix, no segundo partido da xira de cinco polo Oeste que comezara a noite anterior coa memorable vitoria no Staples Center. Os de DiLeo empezaron ben o partido, con Willie Green anotando e Dalembert defendendo correctamente a Shaquille O´Neal. Chegouse ao remate do primeiro cuarto con 31- 34 a favor dos Sixers mais no comezo do segundo os Suns fixeron unha defensa en zona que anulou por completo o ataque contrario e na outra cancha Shaq comezaba a comerse os homes altos de Philadelphia. Cun parcial de 11-0 parecía que o equipo de Gentry podería romper o partido, mais non. Os Sixers reaxiron máis unha vez grazas a dúas triples consecutivas de Donyell Marshall, decisivo para o equipo nas últimas semanas. O partido continuou igualado. Botábase de menos a Iguodala, canso despois do intenso partido, no físico e no emocional, de onte (hoxe quedou nun pobre rexistro de 11 puntos en 41 minutos). Porén, Miller e Thaddeus Young erixíronse en líderes. Lamentable o de Dalembert que obviando o primeiro cuarto estivo absolutamente desaparecido e renunciou á loita cun Shaquille O´Neal que se inchou a anotar (26 puntos) e rebotear (11 rebotes) ante a pasividade do haitián (4 puntos e 5 rebotes, e practicamente todos eles nos cinco primeiros minutos do partido). A inferioridade dos Sixers na pintura foi hoxe notable. Os de Arizona colleron 44 rebotes por 31 dos de Philadelphia. En puntos na pintura os datos son tamén reveladores (80-50). Talvez por iso, polo baixo rendemento dos homes altos dos Sixers, chama a atención como ben apuntan en sixers29, que DiLeo apenas lle dera catro minutos ao rookie Speights, quen xa está máis que curtido en xogar minutos importantes esta temporada. O caso é que a falta de cinco minutos para o remate do partido, os Suns, grazas a superioridade de Shaq (26 puntos, 11 rebotes) e a magnífica dirección de Nash (25 puntos e 10 asistencias), acabaron dando o arreón definitivo que supuxo a vitoria dos Suns, unha vitoria importantísima para non perder as aspiracións de entrar nos play offs do Oeste, algo que parece a estas alturas realmente complicado mais non imposible. 
Do resto dos partidos salientar que Baron Davis volve dar a súa mellor versión. Despois dunha xeira de bos partidos, hoxe ante os Wizards deu nada menos que 20 asistencias, o máximo na súa carreira. Anotou ademais 11 puntos e colleu 8 rebotes na vitoria dos Clippers (108-123). En Nova York os Knicks recibían os seus veciños da outra beira do Hudson, os Nets, e levaron un bo correctivo (115-89). O partido deparaba un interesante duelo de pivots. Brook López impúxose a David Lee (23 puntos, 5 rebotes e 8 asistencias do rookie dos Nets por 13 puntos 6 rebotes e 2 asistencias do center dos Knicks). Os Celtics, sen Garnett, venceron (108-112) aos Heat, sen Wade. Pierce fixo 36 puntos. Mentres, en Houston os Rockets acadaron unha nova vitoria, desta volta ante os Pistons (101-106) nun partido no que Yao, que descansara e Nova Orleans por unha lixeira gripe, estivo sensacional con 31 puntos e 15 rebotes. Antonio McDyess apañou 20 rebotes para Detroit. Os Rockets igualan o número de vitorias dos Spurs (45). (Foto collida na web da NBA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário