17/03/2009

O DERBI DE MADEIRA FICOU EN TÁBOAS

Onte quedei coas ganas de ver o derbi de Madeira entre Nacional e Maritimo. O Nacional aspiraba, no caso de gañar, a superar o Sporting Braga e alcanzar o cuarto posto na tabela. O Maritimo superar en puntos ao seu eterno rival. Finalmente, como bos madeirenses, ficaron en táboas. O partido non foi moi diferente a tantos outros de máxima rivalidade: pouco fútbol, moita igualdade, continuas infraccións... Aínda menos mal que se viron dous goles. O Nacional adiantábase no minuto 20 grazas a un gol de Juliano. O Maritimo empataba no 20 da segunda parte grazas a un fermoso gol de volea á reviravolta do senegalés Baba Diawara, que alcanza a Liedson na táboa de goleadores con nove, lonxe aínda dos números do Tigre da Choupana, o brasileiro Nenê, que onte non marcou co Nacional, mais leva quince no campionato. Á marxe do partido, a ocasión serviume para pescudar algo máis neste derbi e descubrín cousas ben interesantes. Por exemplo, que os equipos de Madeira non disputaron a Liga portuguesa ata o 1973 pola negativa dos equipos continentais a teren que sufragar os gastos do desprazamento á illa. Ata o daquela, pois, existía o campionato de Madeira, do que o Maritimo foi gran dominador con 35 títulos por 16 do União de Madeira, outrora grande, que chegou a xogar na primeira portuguesa e agora pena na equivalente á 2ªB, e 8 do Nacional. Dise que Maritimo é o equipo popular de Madeira, e que o Nacional representa ás clases máis acomodadas, mais tamén é certo que o Maritimo é o equipo do que é adepto Alberto João Jardim, presidente de Madeira dende fai trinta anos, provinte do salazarismo, e acusado nas máis das crónicas de ser unha sorte de caudillo tiránico ao que non lle importan en exceso as formas e que gosta de controlar os medios de comunicación ao seu antollo – a min que me aspen pero resúltame un tipo de personaxe coñecido-. Do mesmo xeito, opina seguido ao xeito de Berlusconi, sobre a actualidade do equipo dos seus amores. Unha das grandes frustracións do Jardim, seica, é non ter sido capaz de convencer á familia do Cristiano Ronaldo para fichar de Nacional para Maritimo cando aínda con dez anos, apuntaba xa as condicións do grande xogador que é, e malia que o propio avó de Ronaldo era dirixente do equipo verde-rubro. Con todo, como bo populista, hoxe o presiente é bo amigo do tipo máis famoso da Madeira. No Maritimo, porén, formouse outro dos grandes do fútbol portugués actual, Danny, hoxe no Zénit, fillo da emigración madeirense a Venezuela, onde por certo nos anos 50 fundouse unha sucursal do Marítimo que se proclamou catro veces campión da Liga deste país. En fin, unha chea de historias arredor de dous equipos que, alén de todo isto, viven o seu mellor momento no campionato nacional.

Nenhum comentário:

Postar um comentário