14/03/2009

LEON POWE, O NOVO ÍDOLO DO GARDEN

Cando 'Doc Rivers' decidiu retirar ao banco a Leon Powe a falta dun minuto, o Garden uniuse nunha ovación memorable, das que só se reservan aos xogadores que se gañaron un oco no corazón da torcida. Leon Powe viña de facer ante os Grizzlies o mellor partido nos seus tres anos na NBA. Anotou 30 puntos, o máximo da súa carreira, apañou 9 rebotes e puxo nada menos que 5 tapóns. Non era máis que a confirmación do talento deste pívot de apenas dous metros e que tivo que superar con grande esforzo unha grave lesión de xeonllo das que deixan a moitos polo camiño. Tras a lesión de Kevin Garnett, que leva cinco partidos fóra, Powe non tardou en demostrar o seu valor para os Celtics, promediando máis de 20 puntos e case 10 rebotes dende aquela. Powe foi sen dúbida o protagonista do partido (92-102) desta madrugada ante os pobres Grizzlies que, con todo, quixeron dar guerra na súa visita ao Garden, apelando ao seu xogo anárquico e desordenado que se apoia no acerto de Mayo, Gay e Gasol, cando cadra que están acertados. Os Celtics deixáronse ir por este xogo e mesmo estiveron boa parte do partido por detrás no marcador ata que apareceron definitivamente o citado Leon Powe, e don Ray Allen (22 puntos), espectacular como sempre, marcando as distancias mediante triples inverosímiles ou elegantes penetracións. No último cuarto o partido xa estaba practicamente sentenciado. Mentres no mítico Spectrum de Philadelphia, ao que volveron os Sixers durante tres partidos, o equipo de DiLeo volveu gañar (101-104), desta volta ante os Bullls, grazas a unha nova actuación memorable de Thaddeus Young e de Samu Dalembert. O sophomore que viña de anotar 29 puntos no seu último partido, anotou onte 31, mentres que Dalembert apañou nada menos que 19 rebotes. Por último, Lebron non puido conseguir ante os Kings o seu cuarto triple doble consecutivo mais sumou nada menos que 51 puntos na vitoria dos Cavaliers (126-123) en Sacramento. (Foto de firebrandal)

Nenhum comentário:

Postar um comentário