09/03/2009

A ACTUALIDADE SOBRE O OBRADOIRO

Nesta magnífica contraportada da edición galega de El País, asinada por Juan Luís Cudeiro, coñecemos algo máis da situación na que se atopan as xestións para que o CB Obradoiro faga efectiva a praza que lle corresponde na Liga ACB da vindeira temporada despois de que o Tribunal Supremo fallara a favor dos santiagueses pola aliñación indebida do Júver Murcia nos play offs para o ascenso do ano 90. O Obradoiro precisa 5 millóns de euros para asegurar un equipo mínimamente competitivo e 600.000 máis para pagar o obrigatorio canon de ingreso na competición. Os xestores do clube, José Ángl Docobo, astrónomo e responsable do Observatorio Ramón María Aller, e Pepe Martínez Casal, son as dúas persoas que están a percorrer oficinas de institucións públicas e privadas para conseguir o diñeiro. Decláranse optimistas. Afirman que teñen un acordo pechado cun patrocinador privado mais que está a expensas de que cheguen a dispoñer tamén dun soporte institucional para cubrir o orzamento. Antes das eleccións reuníronse cos líderes das tres forzas en liza nas eleccións para contarlles os seus proxectos. Agora, co vindeiro presidente xa elixido, esperan ter unha xuntanza con el antes mesmo de que tome posesión do seu cargo. Non son bos tempos, desde logo, para que as administracións invistan en deporte, pero tamén é certo que o Xacobeo é o ano que vén e que a Liga ACB é un soporte magnífico para calquera campaña promocional. O principal problema é que se se abre a billa outros moitos clubes pediran a súa parte. En todo caso, desexamos de corazón que o Obradoiro recupere a praza que nunca debeu perder nas canchas de baloncesto. Clarificador tamén o artigo sobre o pouco aprezo que se teñen os actuais xestores do Obradoiro e os do outro equipo santiagués que teima por pemanecer na LEB ouro, o Rosalía. (Foto de José Ángel Docobo feita por Anxo Iglesias en El País)

2 comentários:

  1. A ver, que eu me aclare co tema do Obradoiro porque non estou na mesma onda na que están os seus dirixentes.
    Asumo, entendo, comprendo e estou completamente de acordo e a favor da decisión xudicial que esixe a súa readmisión na ACB, pero, falemos claro, pretenden construir un equipo ACB saído da nada -se non estou trabucado están na liga autonómica- en tres-catro meses? Agardan conseguir x millón de euros -ti falas de cinco, penso que serán precisos máis- nunha cidade como Santiago?
    A min non me saen as contas. As económicas, non sei de onde van sacar os cartos. Dubido moito que as administracións públicas ofrezcan a día de hoxe eses cartos.
    As deportivas: se non hai cartos é prácticamente imposible facer un equipo competitivo. Non digo que non poidan saír o ano vindeiro na ACB, digo que se descendesen -para o que serían claros candidatos-, qué farían o seguinte ano en LEB ouro?
    Fai bastante tempo que xa se sabe do seu regreso, qué movimentos hai feitos? Ese patrocinador privado do que falan non aporta os cartos precisos senon non agardarían pola Xunta. Non se sabe que haxa ou non un adestrador, primeiro paso para construr algo...
    Non sei, penso que as cousas non van polo camiño máis axeitado.
    Repito que estou cos dirixentes do obradoiro na súa loita, pero non vezo un futruro claro á hora de levalo a cabo.

    Desde logo o que ocorre no deporte santiagués é para analizalo con detemento. Tres equipos en tres categorías distintas: O cidade -a piques de desaparecer-, a SD Compostela -en mans de Caneda, que dí que é ignorada por todas as administracións- e o Santiago en Rexional preferente.
    Por outro lado, o Rosalía, pasándoas putas en LEB ouro e a plaza do Obradoiro na ACB
    ¿A palabra unidade non lle resulta famliar a ninguén pola capital de Galicia?

    Perdoa polo rollo.
    Un saúdo

    ResponderExcluir
  2. Tes toda a razón. É bastante absurdo. Eu non coñezo do tema moito máis do que está a saír na prensa pero sempre pensei que o normal seía que se aproveitara a praza duns e o proxecto deportivo dos outros para procurar unha fusión nun único clube santiagués que daquela si que tería lóxica que contase con apoio institucional. Hai que ter en conta, ademais, que por separado, o futuro duns e doutros non parece moi prometedor. Pero xa ves que non parece que haxa moi boa sintonía entre as directivas, non sei moi ben os motivos, inda que algo se apunta no artigo. Sexa calessexan os motivos, mesquiños de mais como para negarse por completo a un entendemento.

    Sen fusión, parece algo ridículo pensar nun apoio institucional. Inda que eu son partidario de que se invista diñeiro público nos clubes profesionais e que a ACB é un estupendo escaparate para Santiago e Galiza, é un pouco aloucado dar diñeiro para un proxecto que a día de hoxe, son dous señores na procura de cinco millóns de euros. Ademais, logo virían e con razón, o resto dos clubes, de todo tipo de deportes, a pedir un trato equivalente. Pero en fin... A ver que pasa. UN SAUDO

    ResponderExcluir