
O partido máis interesante da xornada na NBA xogábase no Toyota Center entre
Houston Rockets e
Orlando Magic. Enfrontábanse dous dos mellores equipos na competición, nun bo momento da temporada e, sobre todo, enfrontábanse dous dos homes altos máis determinantes da Liga: o chinés Yao Ming contra Dwight Howard. O de Orlando está a completar a súa mellor campaña en cinco anos na NBA. Yao, porén, está este ano por debaixo do seu mellor nivel. Mais os Rockets gañáronlles (
83-93) aos Magic e Yao Ming superou a Dwight Howard no seu duelo persoal. Sumou 20 puntos e 16 rebotes por 13 puntos e 10 rebotes de ‘Superman’. Adelman recorreu a outro veterano, Dikembe Mutombo (que xogaba o seu sétimo partido da temporada), para darlle relevo a Yao na defensa de Howard. Á marxe deste duelo de altura, o partido, marcado polas defensas e o pouco acerto atacante nos dous bandos, dominouno de inicio Houston, que axiña se puxo por diante no marcador e non viu perigar apenas a vitoria. Os
Sixers, pola súa banda, non acaban de acadar a regularidade necesaria e mantéñense a rebufo de
Miami Heat na loita polo quinto posto da Conferencia. Perderon cos Bobcats (
98-101) nun partido igualado que aos de DiLeo comezóuselles a escapar no primeiro tempo (49-63 ao descanso). Gerald Wallace (29 puntos e 11 rebotes) e Raymond Felton (32 puntos) foron os máis destacados do equipo de Charlotte e protagonizaron ademais, no último minuto, a xogada que pechou definitivamente o partido. Non aproveitaron, porén, a oportunidade os
Heat que perderon na súa propia cancha ante os
New Orleans Hornets (
93-87) malia os 32 puntos de Wade e un gran partido de Beasley (25 puntos e 9 rebotes). Chris Paul rozou o triple doble con 26 puntos, 9 rebotes e 9 asistencias. Heat e Sixers están tan igualados que ata o remate da Liga Regular non se saberá quen se cruzará cos
Hawks nos play offs. O equipo que dirixe Mike Woodson gañou en
Toronto (
118-110). Os
Bulls seguen co seu bo final de temporada (sete vitorias nos dez últimos partidos) despois de impoñerse no United aos
Knicks (
103-110). A mellor nova para Del Negro foron os 25 puntos de Hinrich. Os
Lakers superaron (
122-104) sen problemas aos
Kings nun partido que sentenciaron no segundo cuarto (40-18 de parcial) e que pasará á Historia polo insólito mate de Vujacic nos fuciños de Simmons e Francisco García. “Xa vin todo canto tiña que ver. Sasha machacando sobre alguén. Xa me podo retirar”, dixo irónico Kobe Bryant respecto a xogada do seu compañeiro. Tampouco tiveron problemas os
Spurs para superar a
Oklahoma (
99-89) nun bo partido de Drew Gooden (20 puntos), que compensa en parte a pésima noticia da semana, a confirmación de que Ginóbili perderase o resto da temporada. Máis apuros pasaron os
Blazers para gañar en
Memphis (
96-93). Barndon Roy rouboulle a bola a Mike Conley e asegurou a vitoria dos de Oregon. No outro partido da xornada os
Timberwolves gañáronlles aos
Clippers (
87-77). (A foto da web da
NBA)
Nenhum comentário:
Postar um comentário