02/04/2009

O DERBI CRUCIAL DAS DÚAS COREAS

En Asia, todo o interese estaba posto no partido que enfrontaba en Seúl as dúas Coreas. Alén do morbo do partido, que ía moito máis aló do futbolístico, o resultado era crucial nas aspiracións dos dous equipos pois xogábanse o liderato do seu grupo. Corea do Norte, de gañar, tería dado un paso de xigante para estar no Mundial de 2010. Corea do Sur non podía permitirse outro resultado ca vitoria para non perder as súas opcións de representar a Asia nun campionato no que é un habitual dende fai moitas edicións. E o partido estivo marcado por unha extrema igualdade. O gardarredes Lee Won Jae erixiuse en heroe dos surcoreanos pois xa no primeiro minuto evitou o gol, cunha espectacular estirada, após un remate de Hong Jong Yo que apuntaba directamente á escadra. A segunda grande oportunidade foi tamén dos norcorenos, á volta do descanso. Jong Tae Se, estrela do equipo do norte, xogador do Kawasaki Frontale, da J-League, nado en Xapón mais norcoreano de terceira xeración , rematou de cabeza en boca de gol e bateu máis unha vez cunha nova actuación milagreira do gardarredes surcoreano. A partir dese momento, a selección de Huh Jung Moo reaxiu e comezou a asediar a área norcoreana. Lee Keun Ho dispuxo de claras oportunidades para Corea do Sur pero desta volta tocoulle intervir maxistralmente ao porteiro de Corea do Norte Ri. Myung Guk. O empate deixaba frío os seareiros que ateigaban o Estadio de Seúl. Solucionouno Kim Chi Woo, quen entrara pouco antes no partido, cun gol no 87 que lle daba a vitoria e o liderato do grupo á selección de Corea do Sur, cun partido menos e un punto de vantaxe con respecto aos seus veciños do norte e Arabia Saudí, que non fallou no seu partido crucial ante os Emiratos Árabes Unidos. Autef adiantou aos saudís de penalti no minuto 4, pero os Emiratos remontaron con goles de Al Shehi (38`) e Matar (45’). No segundo tempo Juma (70’) en propia porta e Hazazi (83’) recobraron a vantaxe para os locais, que adestra o portugués José Peseiro. No outro grupo, Australia venceulle sen problemas a Uzbekistán, 2-0, con goles de Kennedy e Kewell de penalti, e está a un paso de converterse na primeira selección que certifica o seu pase á Fase final do Mundial. Puido conseguilo mesmo onte se Bahrein e Qatar empataban o seu partido, mais gañou Bahrein (1-0) con gol de Aaish (52`) polo que Australia terá que agardar á vindeira xornada. (A foto do norcoreano Jong Tae Se abatido ante a bandeira surcoreana da web da FIFA).

Nenhum comentário:

Postar um comentário