13/04/2009

BATACAZO DO BENFICA

O Benfica perdeu toda opción na súa loita polo título despois de perder no Estádio da Luz ante o Acadêmica de Coimbra, que conseguiu a súa primeira vitoria a domicilio fóra da casa no que vai de Liga. Os académicos, que adestra o mítico ex-dianteiro do Porto, Domingos Paciência, xa deran a campanada o ano pasado ao impoñerse 0-3 no mítico estádio lisboeta. Este sábado aliáronse coa sorte. O medio ghanés Tiero adiantou o seu equipo no 27 do primeiro tempo. O Benfica dispuxo dunha chea de ocasións para empatar e mesmo para gañar o partido mais bateu na ineficacia dos seus puntas e cun gran gardarredes, o eslovaco Peskovic. O resultado certifica a mala temporada do equipo de Quique Sánchez Flores, cuestionado pola torcida pero que conta co apoio de Rui Costa, director deportivo, e da directiva do club benfiquista. Só o Sporting de Lisboa segue o ronsel do Porto. Está a catro puntos despois de gañarlle en Alvalade 3-1 ao Naval de Figueira da Foz. Pereirinha adiantou os lisboetas. Marcelinho empatou antes do descanso e na reanudación Liedson, con dous goles, estableceu o marcador definitivo. Con todo, o xogo do equipo de Paulo Bento non convence aos seus adeptos e parece insuficiente para lle dar alcance a un Porto imparable. Non se falou esta semana en Portugal mais que da extraordinaria exhibición en Old Trafford. Os analistas gaban a figura de Fernando, o brasileiro que deslumbrou o pasado martes ante o United, e mesmo se establecen comparacións entre este equipo de Jesualdo Ferreira e o de Mourinho que gañou a Champions en 2004. O partido deste sábado podía ser unha cilada, estando a atención de todos envorcada no partido de volta do mércores. Visitaba o Dragao o Estrela de Amadora, un equipo sumido nunha arrepiante penuria económica, cos xogadores sen cobrar dende fai oito meses e facendo folgas pola semana. Pero apelaron ao orgullo para lle plantar cara aos portistas, cando menos, durante a primeira media hora. Con todo, o Porto, que reservou algúns dos seus titulares habituais, logo deu un golpe na mesa grazas a un formidable libre directo transformado por Bruno Alves, que se resarcía así do seu triste erro no Teatro dos Soños. A partir do 1-0 o equipo de Jesualdo Ferreira dominou a pracer e sentenciou no segundo tempo con dous goles de Farías, un excelente recambio para Lisandro López. Pola súa banda, o Nacional de Madeira aséntase no cuarto posto despois de vencer ao Trofense (1-2), con dous goles do pichichi Nené. O Braga pinchou (1-1) no seu campo ante o Marítimo. (A foto collida na web do Benfica)

Nenhum comentário:

Postar um comentário