02/04/2009
O BARÇA FORZA O QUINTO PARTIDO
Olympiakos e Panathinaikos acompañarán ao CSKA de Moscova na Final Four de Berlin, despois de gañar o cuarto partido, os dous en cancha contraria, das súas respectivas eliminatorias. Mentres, o Barcelona deu a sorpresa impoñéndose (63-84) cunha superioridade inimaxinable ao Tau Baskonia e forzou o quinto partido que se disputará a vindeira semana no Palau. O Barcelona foi moi superior no día de hoxe a un TAU apoucado e que perseverou nun dos grandes defectos do terceiro partido: as perdas de balón (15). Despois de dominar o primeiro cuarto e o comezo do segundo cun Rakocevic enchufado, o TAU viu como devagar o Barcelona axustaba a súa defensa. A Prigioni costáballe un mundo dirixir o xogo dos baskonistas e pouco a pouco os cataláns dominaban o partido, deixando reducida a achega anotadora do TAU a accións individuais de Rakocevic, Mickeal ou Splitter. Foi no terceiro cuarto, o que polo xeral acaba decidindo os partidos, cando o xogo do TAU acabou curtocircuitando definitivamente. O Barça empezou a anotar todo canto intentaba. Navarro, Basile, Ilyasova ou Lakovic incháronse a meter triples e tanta intensidade acomplexou aos xogadores do TAU que encaixaron ao final do cuarto un parcial de 13-30, que emprazaba a resolución da eliminatoria para a vindeira semana en Barcelona. Outra das claves do partido foi o dominio do rebote por parte dos xogadores de Xavi Pascual, que apañaron 38 rebotes (17 ofensivos) por apenas 26 dos vitorianos. A esectacular posta en escena do TAU no Palau a pasada semana, sumando a oitava vitoria consecutiva sobre os blaugranas facía presaxiar que os vascos eran favoritos para levar a eliminatoria pero o certo é que o Barça reaxiu con grandeza e parte coa vantaxe da cancha para o quinto partido, que se promete apaixonante. Pola súa banda, o Olympiacos eliminou o Madrid ao gañar hoxe en Vista Alegre nun partido igualado e emocionante ata o último suspiro. Unha tarde máis Papaloukas tivou unha tarde moi desafortunada, impropia da súa veteranía e calidade, mais o pivot Bourousis (25 puntos e 6 rebotes) asumiu o liderato dos gregos cun partido colosal. O Real Madrid apelou unha noite máis á casta pero desta volta o equipo de Giannakis non se deixou intimidar e dominou as acometidas dos brancos cunha defensa moi seria e demostrando superioridade de kilos e centímetros na pintura. Reyes e Bullock, heroes madridistas no terceiro partido, cometeron erros puntuais no último minuto que axudaron na vitoria do equipo do Pireo. Papaloukas fixo lembrar o Petrovic da Cibona ao despedirse irónico do público madrileño cun sorriso de orella a orella e a man extendida . Por último, o Panathinaikos certificou tamén o seu pase á final four ao gañar en Siena (84-91). Outro partido máis o xogo colectivo dos gregos impúxose a un Montepaschi dependente das individualidades, sobre todo a de Terrell McIntyre que anotou 35 puntos.O Olympiakos enfrontarase ao CSKA nas semifinais mentres que o Panathinaikos terá que agardar polo resultado da vindeira semana entre Barcelona e TAU. (A foto de Lakovic entre Splitter e Teletovic da web do Barcelona)
Marcadores:
Baloncesto,
Barcelona,
Euroliga,
Montepaschi Siena,
Olympiacos,
Panathinaikos,
Real Madrid,
TAU
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário