01/04/2009

ALAN SHEARER VOLVE A NEWCASTLE

Alan Shearer é, posiblemente, a maior icona da Premier League dos anos 90 xunto con Eric Cantona. E iso que a súa carreira transcorreu en equipos que non son dos considerados grandes nas illas: Blackburn e Newcastle. Certo é que o equipo das pegas é un histórico do fútbol inglés. Tivo sempre grandes orzamentos, permitiuse grandes fichaxes e o seu estadio, o terceiro da Premier en aforo, está cheo cada fin de semana. A pesar diso, os resultados non acompañan polo xeral ás aspiracións e soños da inquebrantable torcida. Este ano a frustración virou pesadelo pois o clube encóntrase nunha situación caótica no institucional e no deportivo. A estas alturas da temporada o Newcastle ocupa postos de descenso, malia contar cun plantel envexable. O dono do club, Mike Ashley, cuestionado por practicamente a totalidade da masa social, non sabe que facer para saír do pozo. Por iso, nunha sorte de fuxida cara adiante que sexa aceitada pola maioría dos seareiros vén de anunciar que Alan Shearer será o técnico do equipo ata que remate esta temporada. Alan Shearer é o grande ídolo da Historia do clube, talvez só discutido por Kevin Keegan, primeiro adestrador de Shearer na era dourada dos 90 e que tamén estivo ao cargo do clube esta temporada, abandonándoa en setembro  ante a súa disconformidade cos xeitos da directiva. Para sermos capaces de medir a verdadeira dimensión como ídolo de Shearer hai que empezar por dicir que naceu no propio Newcastle. Foi rexeitado cando era un rapaz polo equipo da súa cidade, así que a pimeira vez que se escoitou falar del foi co Southampton na First Division. Logo chegou a fichaxe polo Blackburn e un dos grandes fitos na Liga inglesa, a consecución do título con equipo tan modesto en 1994. En 1996 fichou polo Newcastle, que viña de ser segundo a temporada anterior grazas ao traballo de Keegan no banco e xogadores como David Ginola ou Les Ferdinand. Con Shearer o primeiro ano repetiron subcampionato. Os anos seguintes nunca chegaron máis aló, pero Shearer ficou por sempre como mellor xogador da Historia do Newcastle United, co que marcou 206 goles en 404 partidos (co Blackburn 130 en 171). Os seareiros de Newcastle están felices pola volta de Alan Shearer mais seguramente se pregunten se, aínda hoxe, non sería máis útil vestido de curto na área, que no banco, onde non conta con experiencia ningunha. Un risco demasiado grande pero que, como sempre, merece o beneficio da dúbida. As primeiras pistas sobre as cualidades do Shearer adestrador: o sábado, cando o Chelsea visite St. James´ Park. (A foto de Matthew Lewis en The Guardian)

Nenhum comentário:

Postar um comentário