13/04/2009

O DÉPOR TEIMA NOS SEUS ERROS

O Dépor volveu dilapidar unha magnífica ocasión de manterse na loita polos postos europeus. Perdeu en Riazor (1-2) ante un rival directo: o Atlético de Madrid, e volveu dar unha moi pobre imaxe que xera moitas dúbidas de aquí ao remate da temporada. A acumulación de partidos dende que o equipo comezara a Intertoto en xuño pasado, a incertidume contractual de boa parte dos xogadores e do propio adestrador... son motivos que se barallan para procurar explicar o baixón dos últimos catro partidos (tres derrotas e un empate). Ao meu entender, o baixón ten que ver cunha relaxación no aspecto colectivo. O equipo perdeu consistencia defensiva ( está a encaixar moitísimos goles) e é incapaz de anular as principais vías de xerar perigo dos contrarios. Onte, ante o Atlético de Madrid, o Dépor saía de inicio con Valerón e o Atlético, por medio de Marcos Assunçao, encargouse axiña de que o balón non puidese pasar polos pés do grancanario. Do mesmo xeito, os laterais colchoeiros, de pouca proxección ofensiva, procuraban evitar os desbordes de Lafita ou Guardado do xeito que fose, así chegaron ao descanso con tarxeta ambos os dous. O Dépor, en cambio, non argallou ningún sistema sólido para anular o xogo do Atlético, baseado especialmente nunha rápida transición ofensiva dos homes de arriba, Simao, Maxi, Agüero e Forlán, de moitísima calidade. Do mesmo xeito que a pasada semana contra o Espanyol, os nosos centrocampistas deixábanlles chegar ata a propia área sen facer unha falta sequera. Cando deixas que se acheguen tanto homes de tanta calidade acábase pagando. O Dépor, malia o bo partido de Lopo e Pablo Amo, atentísimos en colocación e rapidez para o cruce, acabouno pagando no peor momento, no 45 da primeira parte, cando se le permitiu a Agüero encarar so a Aranzubia, que nada puido facer. Tras o descanso, outro síntoma do cansanzo físico e mental do equipo foi a incapacidade para argallar unha mínima intención de remontada. O Atlético puido pechar o partido por medio de dúas ocasións moi claras: unha de Simao que bateu no traveseiro e un disparo de Agüero que parou con problemas Aranzubia. O Dépor estaba moi curtiño de ideas e Juan Rodríguez compensaba en parte o pésimo partido de De Guzmán. A Valerón seguíalle costando un mundo achegarse ao balón e Lafita, Guardado e Lassad pasaban máis ben desapercibidos. O Atlético, sen facer un gran partido, seguía a vivir do seu orde defensivo e da calidade dos seus homes de diante. Raúl García, un magnífico xogador, dáballe un mínimo equilibrio a un equipo que apenas sabe o que é o centro do campo. Deste xeito, Simao acababa marcando o 2-0 que parecía sentenza definitiva. O público de Riazor estaba descontento. O equipo parecía noqueado e foi entón cando sacou un pouco de orgullo e deu a mellor imaxe do partido, a partir da entrada no campo de Pablo Álvarez. O ex xogador do Sporting foi un auténtico revulsivo e meteu ao Dépor de tal xeito no xogo que a piques se estivo, mesmo, de acadar o empate. Pola súa banda xeroulle moitos problemas a Antonio López primeiro e logo a Pernía. Xerou el so varias ocasións que meteron o público e os seus compañeiros no partido. O Atlético estaba canso e Valerón pouco a pouco atopaba máis espazos para facer o seu xogo. O Dépor empataba por medio de Bodipo ao rematar unha falta lateral. Faltaban aínda cinco minutos e o equipo comezou a achuchar a un Atlético afeito a estragar de mala maneira partidos que ten gañados. Juan Rodríguez tivo a ocasión máis clara para poñer as táboas. Caeulle un balón despois dun erro defensivo dun defensor. Disparou a reviravolta e o balón petou no pao. Unha mágoa aínda que tal vez sería premio excesivo para un Dépor que onte foi merecente da derrota ante un Atlético que sen necesidade de facer aflorar toda a súa calidade, foi mellor co Deportivo. Os de Lotina quixeron resolver en dez minutos o estrago dos oitenta anteriores. De cara aos vindeiros xogos haberán de facer propósito de enmenda e poñerlle moita máis intensidade aos partidos. Defensivamente o equipo perdeu consistencia e téimase en non facer faltas no centro do campo, polo que se facilita moito o perigo do contrario. As posibilidades europeas seguen estando aí en parte pola irregularidade dos outros equipos que tamén están metidos na fariña. Porén, cada vez complícase máis vista a recuperación do Valencia, a regularidade do Málaga, o empaque do Atleti e a necesidade de recuperación dun equipo como o Vilarreal. (Foto collida no Xornal)

Nenhum comentário:

Postar um comentário