03/04/2009
OS 76ERS ASÉNTANSE NO QUINTO POSTO
Philadelphia 76ers acomódase no quinto posto da Conferencia Leste que o cruzaría en playoffs ante Atlanta Hawks, un equipo difícil, pero a priori máis asequible que Cleveland, Boston ou Orlando. Faino despois de dúas vitorias seguidas e dúas derrotas consecutivas dos Miami Heat. Onte vistaban o Wachovia os Milwaukee Bucks, un equipo fácil a priori pois apenas sumara dúas vitorias nos últimos dez partidos e as súas posibilidades de playoff son practicamente inexistentes. Pero aos de Tony Di Leo custoulle entrar no partido. O primeiro tempo rematou 59-50 para Milawaukee debido sobre todo ao acerto dos Bucks nos tiros de campo (56%) e á elevada cifra de balóns perdidos dos Sixers (13, 5 deles de Andre Miller). No segundo tempo a actitude de Philadelphia mudou radicalmente, axustouse moito máis en defensa e encarouse o aro contrario con moita máis determinación. Pouco a pouco foise reducindo a vantaxe en contra ata que chegando ao final do terceiro cuarto xa estaban os Sixers por diante. Lou Williams, dende o banco, foi o máximo anotador do seu equipo con 21 puntos nun notable 7 de 10 en tiros de campo. Iguodala anotou 20 e Andre Miller fixo 18 puntos e 11 asistencias se ben no debe hai que anotarlle 8 balóns perdidos. No xogo interior entrou Reggie Evans por Thaddeus Young, quen non volverá ao equipo ata dentro de dúas ou tres semanas pola lesión de nocello que se fixo no último partido, e anotou 13 puntos e 7 rebotes. Dalembert fixo só catro puntos pero colleu 10 rebotes, se ben o rookie Marreesse Speights xogou máis minutos ca el e tivo tamén unha destacada actuación con 14 puntos e 6 rebotes. No equipo contrario o máis destacado foi o base Ramon Sessions, que viña de facer o primeiro triple doble da súa carreira no partido de onte contra os Lakers e que hoxe asinou uns destacado 18 puntos, 11 rebotes e 5 asistencias. O 95-105 final supuxo unha vitoria parcial no segundo tempo de 19 puntos para os Sixers. Os cronistas de Philadelphia aseguran que o segundo tempo de hoxe foi un dos mellores que se lembran dos Sixers esta temporada e que terá que ser o nivel de referencia de cara aos playoffs. A gran sorpresa da xornada deuse en Washington D.C. Chegaban á capital os Cavaliers despois de 13 vitorias seguidas, record da franquía, para enfrontarse a uns Wizards que gañaron 18 partidos... en toda a Liga. E fo¡ que gañaron os Wizards! (101-109). No equipo de Washington xogaba o seu segundo partido da temporada o home de referencia, Gilbert Arenas, e tamén era o segundo partido para outro home importante que só tivera unha aparición nesta Liga Regular: o pivot Brendan Haywood. A súa volta, xunto coas aportacións sempre positivas de Caron Butler (25 puntos) e Antawn Jamison (19), colaboraron na inesperada vitoria sobre uns Cavaliers que tardaron demasiado en entrar no partido e foron superados polos Wizards no xogo interior (58-32 en puntos na pintura). Mediado o terceiro cuarto Washington acadou a súa máxima vantaxe no marcador 68-54, e foi daquela cando os Cavs quixeron reaccionar, liderados por Lebron que anotou 22 dos seus 31 puntos no segundo tempo. Finalmente os Wizards resistiron e deron a gran sorpresa da semana. Para Ed Tapscott, técnico interino dos Wizards, o visto no día de hoxe, e con Arenas e Haywood reincorporados, é unha mensaxe de esperanza para a torcida de cara a vindeira temporada. Por último, na conferencia Oeste xogouse un novo duelo directo entre equipos que se xogan os postos de play off. Os Utah Jazz visitaban a cancha dos intratables Denver Nuggets, que están facer a mellor camapaña da historia da franquía. Non pensaban tal os seareiros despois da marcha de Iverson e Marcus Camby, pero o certo é que os homes de George Karl están a ofrecer un rendemento espectacular e a aproveitar a intelixencia na dirección do xogo de Chauncey Billups. Hoxe gañaron (104-114) un partido máis ante uns Utah Jazz que nas últimas semanas están a dar unha imaxe moi pobre, con pouca intensidade defensiva e lagoas de concentración durante os partidos impropias dun equipo de xente veterana e baixo o mando dun home tan esixente como Jerry Sloan. Especialmente preocupante de cara os playoffs e o pobre rendemento dos Jazz fóra da sú cancha (6 derrotas nos últimos sete partidos). Polo xeral, os Jazz acaban tendo un baixón nalgún cuarto. No último contra os Knicks foi no terceiro, hoxe contra os Nuggets foi no segundo, no que encaixaron un parcial de 19-33. O protagonista de Denver no día de hoxe foi un sorprendente J.R. Smith, que anotou 28 puntos, grazas sobre todo a 8 triples de 13 intentos. 6 dos triples meteunos no primeiro tempo contribuíndo a marcar o parcial que co tempo resultou definitivo. Outro home que tivo hoxe unha actuación estelar e que, como Smith, saíu tamén dende o banco foi Chris Andersen, quen puxo nada menos que oito tapóns ao longo do partido. A única noticia negativa para os Nuggets foi a lesión, aparentemente non moi grave, de Kenyon Martin, que o obrigou a retirarse do xogo. Nos Jazz, hai que salientar que nese primeiro tempo no que se lles foi o partido, entre Boozer, Okur e Deron Williams rexistraron un arrepiante 3 de 23 en tiros de campo. O desacerto foi unha das claves do pésimo partido do equipo de Jerry Sloan (34 de 93 no partido). No caso de rematar así a conferencia, Nuggets e Jazz volverían cruzarse na primeira rolda dos playoffs. (A foto de Miller e Iguodala da web da NBA)
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário