06/04/2009

MÁIS TEATRO DOS SOÑOS QUE NUNCA

A loita polo título na Premier viviu onte unha xornada inesquecible. O día anterior, o Liverpool acadara unha vitoria agónica en Craven Cottage ante o Fulham, cun gol ben avanzado o desconto do israelí Yossi Benayoun. Os de Benítez son infatigables na súa procura da gloria este ano e despois de moito tempo púñanse líderes con dous puntos de vantaxe sobre United, ben é certo que con dous partidos máis. O caso é que o Manchester estaba obrigado a gañar e as circunstancias non lle eran especialmente favorables a Álex Ferguson. O equipo estaba pragado de baixas. Na defensa faltaban os dous centrais titulares Ferdinand e Vidic. Gary Neville ocupou o centro da zaga acompañando o norirlandés Evans. No medio campo faltaban Scholes e Anderson, polo que o temón era para Carrick e Fletcher. Arriba, eran baixa Rooney e Berbatov. Tévez ocupaba a punta, con Cristiano e Nani nas bandas e Giggs na mediapunta. No banco, un feixe de rapazolos e Park Ji Sun. Martin O´Neill quixo aproveitar as circunstancias e foi decidido a polo partido, procurando facer sangue en todas as feridas dun Manchester mermado. Os de Birmingham dominaron axiña o medio campo, con Barry e Petrov gañándolle a partida a Carrick e Fletcher. A cada pouco, Agbonlahor e Ashley Young gañábanlle por velocidade á insegura defensa do United. Porén, a fortuna púxose de cara para Ferguson. Nunha xogada estraña Friedel tivo que atallar unha cesión de Milner. O libre indirecto transformouno maxistralmente Cristiano Ronaldo. Levábanse quince minutos de xogo e o Villa non mudou o seu estilo, non en balde tamén necesitaba a vitoria para non perder o tren do cuarto posto ante o Arsenal. Por momentos, no primeiro tempo, o Aston Villa chegou a ter o 70% da posesión do balón. Old Trafford decatábase de que a cousa non estaba demasiado clara, que os reservas do United, especiamente atrás, encollíanse demasiado ante a agresividade dos atacantes contrarios. Nunha destas Barry meteu un centro maxistral que rematou Carew comodamente entre os dous centrais. O empate confirmou a confianza dos uns e os medos dos outros. Tras o descanso, o Aston Villa marcaba o segundo. Desta volta era Carew o que centraba para que rematase comodamente Agbonlahor. Co 1-2 o Manchester apelou á heroica. Boa parte da Liga estábase a xogar daquela. E Ferguson apostou pola rapazada. Fixo debutar un italiano de 17 anos, Federico Macheda, romano procedente da Lazio, con pinta de non ter problemas para buscarse a vida nos barrios baixos de Roma, Machester ou de calquera otra parte do mundo. Entrou tamén Welbeck, un rapaz que xa contara con algúns minutos. E de tanta xente poboando á área contraria o United comezou a xerar ocasións de gol. O Aston Villa acusaba a fatiga que tanto mal lle fai ultimamente despois dunha temporada de moi escasas rotacións. E Ronaldo empatou cun magnífico zurdazo dende fóra da área. O empate inda era pouco premio para o Manchester que o seguía intentando á desesperada e foi nisto, que chegando ao desconto, un balón aparentemente inofensivo converteuno o Macheda, o rapaz de 17 anos que acababa de debutar, nun dos mellores goles da temporada. Olf Trafford virou louco, máis aínda Ferguson, e máis aínda o propio xogador que foi por unha noite o actor principal no Teatro dos Soños. Haberá que estar atentos a este italiano que leva marcado na cara que está disposto a triunfar no fútbol inda que teña que pelearse con cantos se lle poñan por diante. Onte, cando menos, fixo vivir aos afeccionados ao fútbol un dos momentos senlleiros en canto calidade e emoción, do que levamos de ano no Fútbol Internacional. Se o United gaña finalmente o campìonato, o primeiro gol que virá á cabeza dos seareiros será abofé, o de Federico Macheda. (A foto de Macheda na web do Man Utd.)


Nenhum comentário:

Postar um comentário