04/04/2009

CESC VOLVE CON DOUS PASES DE GOL

Cesc Fábregas volveu xogar co Arsenal catro meses e medio despois da súa lesión contra o Liverpool nun lance con Xabi Alonso. E non puido facelo mellor. Deu os dous pases de gol que aproveitou Emmanuel Adebayor para asinar a vitoria (2-0) dos londinenses ante o Manchester City, nun partido crucial por asegurar a cuarta praza que dá acceso a Champions. Os de Wenger teñen agora seis puntos máis que o Aston Villa, que mañá visita nada menos que Old Trafford. Con Cesc, o Arsenal recuperou a súa mellor versión. Foi dona do mediocampo e Walcott, Arshavin, Fábregas e Adebayor asociábanse nas inmediacións da área para xerar unha chea de ocasións de gol. Pola súa banda, o Manchester City propuxo un partido de contención, con tres mediocentros eminentemente defensivos como Kompany, De Jong e Zabaleta, confiando toda a súa sorte á velocidade de Robinho, Wright-Phillips ou Bellamy nalgunha contra. Mais os planos torcéronselle axiña a Mark Hughes co primeiro gol. Cesc Fábregas sacou unha falta a carón da liña de fondo e Adebayor cabeceou placidamente na área. Inda non pasara un cuarto de hora e o Arsenal xa estaba por diante, algo insólito nos últimos partidos. Hughes decidiu non agardar para pasar ao plan B e fixo un troco no 17. Retirou do campo a un perplexo Wayne Bridge e puxo no seu lugar ao internacional suízo Gelson Fernandes. Mais o guión do partido apenas mudou. Cesc Fábregas seguía manexando o xogo ao seu antollo e todo o perigo dos celestes reduciuse a tres pases en profundidade de Wright Phillips que desaproveitaron os seus compañeiros, a máis flagrante a de Gelson que mandou o balón o pao. Antes do descanso Hughes aproveitou aínda a lesión de Kompany para poñer no campo un mediapunta: Elano. Parecía que no segundo tempo o City daríalle algo de guerra ao Arsenal pero nada máis lonxe da realidade. A reanudación foi unha enxurrada de fútbol e ocasións do Arsenal. Aos tres minutos Cesc mandaba un balón xenial por riba dos centrais e Adebayor non tivo máis que canear a Shay Given para marcar o segundo. Nos dez primeiros minutos do segundo tempo o Arsenal dispuxo aínda de media ducia máis de ocasións claras. O City, atordoado, nunca máis reaxiu e o Arsenal baixou unha marcha para gozar placidamente da vantaxe e da vitoria. No outro partido destacado da xornada, o debú de Alan Shearer, o Chelsea, que inda loita polo título, chafou a ilusión do público de Newcastle co seu novo técnico (2-0). Lampard e Malouda marcaron no segundo tempo e deixan o Newcastle a tres puntos da salvación. (A foto de Cesc Fábregas de wonker)

Nenhum comentário:

Postar um comentário