18/04/2009

O DÉPOR PESCA NA CRISE DO ATHLETIC

O Athletic, eufórico despois da clasificación para a Final da Copa, deixou tan de lado a Liga que agora comeza a verlle as orellas ao lobo. O descenso axexa a catro puntos e xa van once xornadas nas que apenas suman unha vitoria. O Dépor non levaba tampouco unha xeira demasiado boa (1punto de 15), pero tampouco ten as mesmas urxencias na clasificación. Co obxectivo da permanencia conseguido xa fai tempo, os de Lotina aínda manteñen chance para entrar en competicións europeas. E o Dépor xestionou ben onte as necesidades e medos do contrario. O Athletic foi un equipo temeroso, máis pendente de non cometer erros que de forzarllos ao contrario. Baseou todo o seu xogo, en enviarlle balóns a Llorente para que os rifase cos defensas do Dépor, pero tanto Colotto como Zé Castro fixeron un partido máis que correcto en canto á velocidade, anticipación e colocación. Máis problemas que Llorente causou a mobilidade constante de Gaizka Toquero, incansable no esforzo. Era no centro do campo onde máis problemas tiña o Deportivo. Antonio Tomás, que se reincorporaba a unha convocatoria, logo recaeu nunha xogada sen balón nas súas molestias. Tivo que abandonar o campo chorando porque preve que non poderá reaparecer no que queda de temporada. Entrou no seu lugar Sergio, que xa non é en absoluto o gran xogador de fai uns anos. Agora está lento e inseguro na distribución do balón. Juan Rodríguez, moito mellor fisicamente, tampouco tivo onte un día excesivamente afortunado e cometeu un par de erros antea a presión dos biscaíños que a piques estiveron de causar un disgusto. O Dépor con todo, logo contivo ben defensivamente ao Athletic e procurou de vagar ir levando a presión cara a área contraria. Lassad baixaba a controlar moitos balóns, as máis das veces con éxito pero o problema era que tan loxe ía controlar que logo non había ninguén na área para rematar as xogadas. Pablo Álvarez, o xogador máis destacado o pasado domingo ante o Atlético, entraba por Lafita e fíxoo ben, mellor se cadra que Guardado, que dispuxo de poucas ocasións para amosar as gadoupas. O que si fixo un auténtico partidazo foi Laure, inmenso en defensa e, sobre todo, en ataque, incorporándose con moitísima forza e intención ao xogo ofensivo dos coruñeses, tan escasos en efectivos arriba. Laure, dende a lesión de Manuel Pablo, está cada vez con máis confianza e apunta a ser o relevo do grancanario por moitos anos. O seu despregue físico é brutal cada partido e é moi intelixente tacticamente e correcto técnicamente. Contra o segundo treito do primeiro tempo o Dépor dominou o partido e mesmo dispuxo de ocasións de gol. A máis clara tívoa Lassad despois dunha grande asistencia, precisamente, de Laure, mais o francotunecino disparou desviado ante a saída de Iraizoz. Ao Dépor fíxolle mal non marcar cando máis dominou na primeira parte, pois na Segunda, o Athletic púxolle moitas máis ganas e foi pola vitoria. A mobilidade de Toquero seguía orixinando espazos e o Dépor paraba o xogo con faltas que orixinaban oportunidades a balón parado. Aranzubia, no seu retorno a San Mamés, estivo espectacular no xogo aéreo e afastou todas as bolas que se achegaban á súa porta. O Dépor parecía máis tímido, con menos forza para saír ao contragolpe, mais a medida que pasaban os minutos aumentaba o nerviosismo en San Mamés e os espazos na defensa do Athletic. Foi unha mágoa que Verdú pasara máis unha vez desapercibido polo partido pois podía ter aproveitado os espazos coa súa calidade. Foi en cambio nunha arrincada de Guardado que ao Athletic custoulle repregarse e o balón caeulle a Pablo Álvarez que cun disparo dende a frontal e con fortuna, pois o balón petou nun defensa, marcou o gol da vitoria. Os tres puntos son moi importantes no aspecto moral para un equipo ao que lle pesan algo as pernas. Manténse o Dépor na loita europea, acada a primeira vitoria co novo patrocinador e sume ao Athletic de Caparrós nunha situación realmente complicada. Con todo, ao Dépor sobroulle sorte e faltoulle se cadra un puqiño maís de ambición nun segundo tempo no que talvez o 0-1 fose un premio excesivo. (A foto en laopiniondeacoruña)

2 comentários:

  1. Como a galega fixo a mesma falcatruada por segunda vez, a falta de quince minutos para que rematara o Celta, decidiu condenarnos a unha microfiestra -non me vale a desculpa do 4-1 e do lamentable espectáculo, para iso ten dúas canles máis na tdt e que faga desconexións locais como fai co telexornal-, non me quedou máis remedio que ver ao Depor -a min ver ao Barça me aburre-, e volvin quedar gratamente sorprendido con Laure, como dis, o sustituto de Manuel Pablo para xa. Coincido contigo no tema de Sergio, outro ao que xa se lle pasou o arroz en Riazor. Guardado segue sen convencerme, desde que chegou. Chámame a atención que el sigue pensando que está para dar o salto a un equipo grande e o seu xogo di todo o contrario.
    Eu sigo pensando que o mellor de Lotina é que o equipo ten uns conceptos defensivos moi claros xogue quen xogue e que ese esquema fai que os xogadores parezan mellores do que son, é dicir que Pablo Amo, no seu momento, Colotto ou Ze Castro sexan consistentes, correctos, non cometan erros de vulto...
    Sigo vendo no Depor problemas de creación, de inicio da xogada, dun referente que marque o xogo ofensivo...

    Lassad é un xogador para estar tan illado arriba?

    Inda que non se lle poden facer caso a estas lerias, lin algo sobre o interese do Atlético de Madrid en Lopo, hai algo de certo?
    Qué pasa con Fabricio? A min paréceme que Lotina non lle axudou nada cando xogou a pasada tempada e que non é mal porteiro
    Un saúdo

    ResponderExcluir
  2. Parece que é certo o de Lopo, si. Non escoitei máis que rumoroloxía pero parece consistente. De aí viría a fichaxe de Zé Castro e, seguramente. Ademais, hai dous xogadores do Atlético que sempre lle gustaron especialmente a Lendoiro: Jurado e Miguel de las Cuevas, polo que non sería raro que de ser certo o que se fala, estivera incluído algún deles na operación.

    UNHA APERTA

    E dicir que eu estaba mosqueado por ver que facía a Galega co partido do Dépor. Ao final botárono enteiro pero é certo que se eu fose do Celta cabrearíame bastante.

    ResponderExcluir