03/04/2009

SAUDADE DO JORGE ANDRADE

Jorge Andrade foi, sen dúbida, un dos mellores centrais que tivo o Deportivo na súa Historia. Xogou na Coruña cinco anos, de 2002 a 2007. Disputou en total 123 partidos coa camisola deportivista nos que marcou 2 goles. Andrade, de 31 anos, deuse a coñecer na Liga Portuguesa no Estrela de Amadora, onde se converteu no líder da zaga dun equipo que no ano 2000 acadaba a súa mellor clasificación histórica: sétimo. De contado chamou a atención dos grandes e acabou recalando no Porto, onde formou unha dupla incrible con Ricardo Carvalho. Non chegou a gañar cos dragões a Liga portuguesa mais coincidiu con José Mourinho na primeira temporada do técnico de Setúbal no Porto, na que foi argallando o equipo co que nos anos seguintes acadou unha UEFA e unha Champions. Esa temporada Andrade foi o xogador que disputou máis minutos e debutou coa selección portuguesa, coa que disputou 50 partidos ao longo da súa carreira. Andrade fichou polo Dépor en 2002 e axiña se converteu en referente inescusable da defensa xunto con Nourredine Naybet. A casualidade quixo que no ano 2004 fose protagonista dunha das accións determinantes das semifinais da Champions que o Dépor xogou precisamente contra o Porto. No partido de ida, que acabou con empate (0-0), despois dunha falta sobre Deco, Andrade deulle un toque cariñoso ao brasileiro que durante dous anos fora o seu compañeiro de cuarto nas saídas dos portuenses. Un árbitro de nome Marcus Merk (si, que pasa!) decidiu que aquel xesto cariñoso era unha agresión e expulsou ao portugués que foi baixa, xa que logo, no partido de volta. O Dépor acusouno e foi precisamente César, quen substituía ao sancionado Andrade, quen cometeu o penalti sobre Derlei que o propio brasileiro transformou dándolle o pase á final aos de Mourinho. Andrade completou outras tres magníficas temporadas na Coruña e no verán de 2007 era o principal reclamo do Dépor no mercado para meter un pouquiño de liquidez nas baleiras arcas de Lendoiro. Foi a Juventus de Ranieri, que acababa de voltar á Serie A despois do seu aniño no inferno, a que puxo 10 millóns de euros para convertelo no líder da súa zaga. Apenas puido disputar catro partidos coa ‘vecchia signora’. Nun encontro contra a Roma ao pouco de comezar a temporada rompeu a rótula dereita, no mesmo xeonllo no que xa se lesionara dous anos antes co Dépor no Camp Nou e que lle impedira estar no Mundial de Alemaña. Despois de dúas operacións nunca máis conseguiu recuperarse e os medios italianos anuncian hoxe que a Juve e o xogador chegaron a un acordo para a rescisión do contrato a cambio de 3,5 millóns de euros. Jorge Andrade, porén, non deixa de crer na súa volta ao fútbol. Traballa arreo cada día, en Porto, co seu fisioterapeuta António Gaspar, co fin de superar dunha vez a maldita lesión. Oxalá que o consiga porque alén de ter sido un dos grandes xogadores da historia recente do Dépor nunca se lle puido reprochar nada. Ademais de gran futbolista foi unha excelete persoa e profesional. Toda esta información coincide co anuncio de que Zé Castro xa é xogador deportivista despois de que o Dépor fixese efectiva a opción de compra sobre o xogador. O de Coimbra é aínda un xogador en formación, con condicións de sobra para se converter nun bo central, pero que ata agora demostrou estar máis verde que maduro. (A foto de Andrade de Darz Mol)

Nenhum comentário:

Postar um comentário