Non puiden ver o partido pero as crónicas contan unha película cen veces vista. O Celta saíu dominante e resultón, achuchando ao Salamanca, equipo da parte alta, dende o inicio. O Celta mesmo se adiantou no marcador con gol de Ghilas despois dun excelente centro de Renan. Parecía que a domicilio os de Eusebio podían reparar a súa maltreita imaxe dos últimos tres meses. Pero volveu pasar o de sempre. O Salamanca non se podía permitir unha derrota co afastase da loita polo ascenso e meteu unha marcha máis na procura da vitoria. O Celta esfarelouse axiña. Foi un espectro pairando polo Helmántico, incapaz de opoñerlle a máis mínima resistencia ao rival. E como non, regalou o empate despois dun erro defensivo. Desta volta tocoulle a Fajardo. Sempre lle toca a alguén. E o Salamanca empatou. Volveron os medos. Podíase agardar que os celestes apelasen cando menos ao orgullo, pero é esta unha palabra que desapareceu de Vigo fai moito tempo. Apalouse á fe en Notario que, por veces, pareceu que sería o único capaz de salvar ao Celta do desastre. As miragres non existen no fútbol e moito menos na Segunda División. O venezolano Miku, que xa marcara esta semana coa súa selección, fixo un golazo e puxo o 1-2 definitivo. Certificábase a decimo segunda xornada do Celta sen gañar (4 puntos de 36 posibles). O Celta segue dependendo de si propio para a salvación, pero os seareiros vigueses case confían máis en que o Alavés, que marca o descenso, siga perdendo tamén un partido tras outro e mantendo o colchón de cinco puntos. A situación non ten precedentes na Historia recente do Celta. Agardan dous meses insoportables.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário