08/04/2009

O ARSENAL FOI MELLOR NO MADRIGAL

O partido entre o Vilarreal e o Arsenal foi aberto dende o inicio. Os dous equipos procuraron o control do balón e a verticalidade con ansia. Dous xogadores erixíanse en faros do xogo dos seus respectivos equipos. Por parte do Arsenal o gran Cesc Fábregas, polo Vilarreal Marcos Senna. O brasileiro aproveitou un balón na frontal para mandar un dos seus magníficos disparos pegados ao pao e adiantar ao seu equipo (1-0). O Madrigal estalou de ledicia, sabedor do valor histórico da data e por ser, aínda por riba, ante o rival que os apeara nas semifinais de fai tres anos despois daquel penalti de Riquelme. Se o partido xa era alegre, con ningunha marxe para a especulación, abriuse máis aínda tras o gol. No Arsenal, Denilson convertíase no socio máis acaído de Cesc para impoñerse ao centro do campo castellonenco. Walcott, pegado á banda dereita, procuráballe as cóxegas a un Capdevila, algo inseguro, mentres que pola banda esquerda, Nasri tiña que enfrontarse a un magnífico Ángel, polo que decidiu ir máis cara o centro. Adebayor, só na punta, baixaba seguido para combinar cos centrocampistas e o Arsenal apropiouse do xogo inda que sen xerar ocasións de gol demasiado claras. O Vilarreal, entrementres, non renunciaba tampouco a buscar o segundo, sempre co balón rodando a ras de chan. Ibagaza tendía tamén a ir cara o centro e procurar pases por detrás da defensa a Rossi ou Llorente mais os centrais ingleses estiveron moi atentos na marca dos puntas. Cani, pola dereita, non pasaba de facer un partido correcto, en coherencia coa súa irregularidade innata. O Arsenal non acusou os dous cambios obrigados no primeiro tempo. Almunia tiña que retirarse antes da media hora. Entrou no seu lugar o polaco Fabianski. Gallas rompeu antes do descanso e substituíno Djourou. Ben defendidos os dianteiros do Vilarreal, as principais ocasións chegaban sobre todo dos disparos dende fóra da área de Senna, a quen lle daba tempo de armar a perna e axustar o disparo. Despois do descanso, con Mati Fernández no campo en lugar de Cani, o Arsenal demostrou unha grande ambición e foi con moita máis decisión que no primeiro tempo a polo empate. Por fortuna para Wenger, Cesc Fábregas recuperouse da súa lesión a tempo de disputar esta eliminatoria de cuartos. É un xogador imprescindible para darlle ao Arsenal estatura de campión. É grande, sobre todo, porque fai moito mellores aos seus compañeiros. Denilson fixo, no seu papel de escudeiro do catalán,un dos mellores partidos que se lle lembra como xogador do Arsenal. Adebayor, que dicir! Marcou o seu terceiro gol en dous partidos despois dunha asistencia de Fábregas. O de Arenys picou con clase o balón por riba da defensa e o togolés argallou un xenial control que culminou cun aínda máis xenial remate ante o que nada puido facer Diego López. Pellegrini meteu no campo a Pirés por Llorente para recuperar o control no mediocampo, pero o Vilarreal estivo á vontade do Arsenal ata o remate do partido. Os castellonencos apenas tiñan xogo por banda e si, en cambio, un tráfico demasiado mesto polo centro. Ao final, o Vilarreal pode aledarse polo resultado pois o Arsenal mereceu no segundo tempo algo máis. No Fly Emirates, Pellegrini terá que procurar un xeito de facerlle máis dano a un Arsenal que estivo sobresaínte en todas as liñas. (A foto de Adebayor na web da UEFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário