05/04/2009
O ESPANYOL PÚXOLLE MÁIS ANSIA
O Dépor desaproveitou unha ocasión magnífica para dar un paso de xigante na clasificación. A ocasión pintábana calva. Visitábase o campo do Espanyol, afundido na táboa despois de gañar un partido de vinte (o do Camp Nou). Ademais, o Vilarreal perdera onte e cabía a posibilidade, gañando, de poñernos a dous puntos apenas da Champions. Pero incomprensiblemente o Dépor saíu adormecido a Montjuic, sen gana ningunha de trabarlle ao rival. Deixóuselle ter o balón ao Espanyol e, sobre todo deixóuselle a De la Peña ter a bola, encarar a porta e pensar na frontal, como se non o coñecéramos abondo. E así foi que fixo estragos. O primeiro gol foi froito dunha carreira do cántabro de 30 metros na que a nigún dos nosos se lle acordou facerlle unha falta. Cando chegou á beira da área deu un pase maxistral por detrás dos centrais, que inda por riba Aranzubia blocou mal e deixou en bandexa a Iván Alonso para que marcara. É a segunda cantada grave consecutiva de Aranzubia fóra de Riazor, se ben inda resulta inxusto botarlle culpas despois da excelente campaña que está completando. Máis grave que o gol foi que o equipo non reaxiu. O balón non lles chegaba aos homes de arriba. As poucas veces que o Dépor conseguía incorporarse á área contraria con certos efectivos, xeraba sensación de perigo sen facer demasiado, simplemente apretándolle un pouco as porcas á nerviosa zaga espanyolista. Mais ao Dépor faltoulle sangue e ganas de gañar o partido. Se non non se explica o segundo gol. Outra vez recibe De la Peña e sen que ninguén lle saia ao paso chega á frontal e dalle tempo para pensar un remate raso e colocado á base do pao. Un auténtico golazo patrocinado pola bisoñez defensiva do equipo. Por fortuna, antes do descanso, o Dépor trenzaba por fin unha boa combinación entre os homes de arriba e marcaba un fermoso gol, asinado por Lassad, o primeiro do franco-tunecino em primeira. A xogada foi moi fermosa, con Guardado. Lafita e o goleador combinando en carreira e ao primeiro toque. Parecía que o 1-2 permitía pensar nun cambio de actitude do Dépor tras o descanso pero non foi tal. Seguíanse cometendo demasiadas imprecisións e deixábaselles chegar aos espanyolistas demasiado cerca da área. A balón parado a piques estiveron de marcar o terceiro en máis dunha ocasión. O dépor mudou de cara coa entrada de Valerón no campo. Durante dez minutos conseguiuse unha verdadeira sensación de dominio que derivou en ocasións claras, todo porque o xogo xirou arredor do grancanario. Mais o Espanyol pechou as liñas de pase para o mago e o Dépor teimou en chegar con balóns longos que non eran para ninguén. Ao final, o Espanyol pechou o partido nunha contra na que Lopo marcou en propia porta, e acadou tres puntos merecidos que alivian un chisco a súa situación. O Dépor queda como estaba á espera do duelo directo contra o Atlético de Madrid a vindeira semana en Riazor. Desgraciadamente, agora que o Dépor está centrado en só unha competición e con gorentosos obxectivos á vista, o equipo está a demostrar un baixón notable no rendemento con respecto á primeira volta do campionato. (Foto publicada no Sport).
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário