01/04/2009

UNHA GOLEADA DE ALTURA

6-1. 'Cada gol de Bolivia era como un puñal no corazón'. Así contou Maradona as súas sensacións no Estadio de La Paz, no seu segundo partido ofical como seleccionador, un partido que pasará á historia do fútbol arxentino como a maior humillación en moito tempo. De feito, é a maior goleada que encaixa a selección arxentina na súa Historia. Só en 1958 encaixou un resultado semellante no Mundial de Suecia ante Checoslovaquia. Maradona tivo a decencia de non buscar a excusa da altura, deses 3.650 metros nos que se encontra o Estadio Hernando Siles de La Paz e que algúns contan que, en efecto, converten cada esforzo físico nunha tortura. Porque é un inconveniente, si, mais non unha disculpa. Arxentina, unha das seleccións máis potentes do mundo, con Messi, Tévez, Mascherano e compañía viuse desbordada dende o inicio do partido por unha selección boliviana que, dirixida polo gran Erwin 'Platini' Sánchez, camiñaba ata agora con máis pena que gloria na liguilla do grupo suramericano, penúltima clasificada. Juan Pablo Carrizo, gardarredes da Lazio, tentaba parar a maré de ocasións dos bolivianos mais non puido evitar o primeiro, no minuto 11, de Marcelo Martins. Arxentina procurou reaxir e empatou no 25 cun gol afortunado de Lucho González, mais a partir de aí chegou a debacle. Os arxentinos nunca máis combinaron nin foron quen de frear as acometidas bolivianas. Inda por riba, a medida que pasaba o tempo, a fatiga, unida á altura, afogaba máis aos xogadores da albiceleste. Botero de penalti volvía adiantar os seus no 33. No 45 marcaba da Rosa. E no segundo tempo consumouse a goleada. Joaquín Botero, xogador do modesto Correcaminos de Tamaulipas, equipo da Primeira mexicana (equivalente a segunda División) marcou dous máis. Didi Torrico, a falta dez minutos, poñía o sexto que lle daba a goleada dimensións históricas. Pouco antes o benfiquista Di María autoexpulsárase cunha falta produto da impotencia. A derrota vai facer correr ríos de tinta en Arxentina que, con todo, vivíu onte máis pendente do pasamento do ex-presidente Raul Alfonsín. Os críticos a Maradona teñen pólvora para recargar os seus argumentos. Mais a maioría dos afeccionados de seguro estarán dispostos a concederlle unha nova oportunidade. Os xornalistas bolivianos ovacionaron a Maradona á saída da rolda de prensa. En Arxentina, ao respecto do tema da altitude, os xornais de hoxe lembran a frase de Evo Morales contra as intencións da FIFA de prohibir partidos internacionais a máis de 2.500 metros: "Onde se fai o amor pódese xogar ao fútbol".
No resto dos partidos do grupo salienta a vitoria de Brasil por 3-0 a Perú en Porto Alegre. Os de Dunga, despois da pobre imaxe ofrecida contra Ecuador, e con Kaká de titular no lugar de Ronaldinho, non tiveron problema ningún para superar a unha lastimeira Perú que se afunde como peor equipo da liguilla e divorciada da súa torcida. Luis Fabiano marcou por dous veces no primeiro tempo (18' de penalti e 27`) e Felipe Melo completou a conta no 63 do segundo. No estadio Atahualpa de Quito, o xogador do Pachuca mexicano Edgar Milciades Benítez anotaba no minuto 93 o gol que lle daba o empate a Paraguai ante unha selección ecuatoriana que mereceu máis premio. Ecuador anotara no 64 cun novo gol do xogador do Rubin Kazan Christian Noboa. A vitoria era fundamental para os amarelos no seu desexo de meterse na loita pola clasificación polo que o gol de Benítez foi un xerro de auga moi fría. Por úlitmo, na noite anterior disputárase o Venezuela-Colombia. Dous goles serodios de Fedor e Arango déronlle a vitoria aos 'viño tinto' e supoñen un paso atrás nas aspiracións do combinado que dirixe Eduardo Lara. Tamén se xogaron partidos do grupo da Concacaf e salienta a dolorosa derrota de México, na que Guardado e Omar Bravo saíron de inicio, ante Honduras (3-1). Marcaron para os hondureños Carlos Costly (17' e 78') e Carlos Pavón (43'). Reduciu a vantaxe no 80 de penalti Nery Castillo. En Nashville, Estados Unidos impúxose sen problemas a Trinidad y Tobago cun hat-trick de Joe Altidore. Por último Costa Rica gañoulle pola mínima (1-0) a El Salvador. Este grupo esta así: Estados Unidos (7 pts.), Costa Rica (6), Honduras (4), México (3), El Salvador (2), Trinidad y Tobago (2)

Nenhum comentário:

Postar um comentário