01/04/2009

O CSKA XA ESTÁ NA FINAL FOUR

O CSKA de Moscova, actual campión da competición, é o primeiro equipo que certifica o seu pase á Final Four da Euroliga, despois de gañar (56-67) o terceiro partido da súa eliminatoria ante o Partizan de Belgrado. E iso que tivo que enfrontarse ao ambiente do espectacular Belgrado Arena, ateigado por máis de 21.000 ruidosos seareiros serbios. O Partizán, sorpresa agradable nas fases previas, acabou pagando a súa inexperiencia e deu unha moi pobre imaxe ante o curtido equipo ruso que alcanza a súa sétima Final Four consecutiva. O partido mantívose igualado durante os dous primeiros cuartos, cunha vantaxe máxima para o CSKA de cinco puntos, mais no terceiro, o que adoita decidir os partidos, os de Messina acadaron un parcial de 1-9 que estableceu unha diferencia no marcador insalvable para uns serbios aos que lles costa un mundo anotar (fixeron unha media de 50 puntos en 3 partidos). No CSKA, que tivo un notable 14 de 24 en tiros de dous, destacaron especialmente o lituano Ramunas Siskauskas con 20 puntos e o esloveno Matjaz Smodis con 18 e 7 rebotes. No Partizan apenas Velickovic mantivo o tipo con 26 puntos, case a metade da produción anotadora do seu equipo. O TAU e o Panathinaikos cobran vantaxe nas súas eliminatorias. Os de Gasteiz gañáronlle (69-62) no Buesa Arena a un Barcelona que chegaba coa baixa por lesión de Juan Carlos Navarro. O acerto nos tiros de dous dos baskonistas (57,5 por un 39,4 do Barça) compensou unha estatítica arrepiante para os de Ivanovic: o TAU perdeu 22 balóns (7 deles Rakocevic) por só tres dos cataláns. Rakocevic, con todo, foi o máximo anotador do equipo con 15 puntos. Splitter, con 13, fixo tamén un gran partido se ben, como xa é habitual, púxose demasiado cedo con problemas de faltas. No Barcelona só Lakovic, con 20 puntos, chegou aos dobles díxitos en anotación.En Siena, o Panathinaikos deu un golpe de autoridade na mesa vencendo (53-72) comodamente ao Montepaschi. Os gregos romperon o partido no segundo cuarto cun parcial de 10-24 que agrandaron cun 11-21 no terceiro. Os italianos pagaron moi caro ao seu escaso acerto en tiros de campo (15 de 53). Por último, o Real Madrid que xogaba en Vista Alegre a cara ou cruz ante Olympiacos, deciciu apelar á casta e resolver a situación de inicio. Inda non se levaba un minuto cando os de Joan Plaza xa estableceran un espectacular parcial de 8-0 con dúas triples seguidas de Louis Bullock. O Madrid aplicouse cunha extraordinaria intensidade defensiva que curtcircuitou o xogo de Olympiacos, que perdía balóns seguido. Nin Papaloukas, defendido perfectamente por Marko Tomas, foi quen de poñer criterio no xogo dos gregos. Chegouse ao descanso con 37-20, marcador que parecía definitivo, pero os de Giannakis carburaron moito mellor no segundo tempo, liderados por un gran Bourousis (17 puntos e 10 rebotes). Olympiakos chegou a poñer en perigo a vantaxe madridista inda que finalmente os de Plaza respiran dous días máis (71-63). Partidazo de Felipe Reyes con 19 puntos, 9 rebotes, 4 asistencias e 5 recuperacións. (A foto de Matjaz Smodis da web da Euroliga)

Nenhum comentário:

Postar um comentário