08/04/2009

NORTH CAROLINA, CAMPIOA DA NCAA

A Universidade de North Carolina foi a clara dominadora do campionato da NCAA. Completou a súa magnífica temporada nunha Final Four na que non tivo rivais á súa altura. A noite do luns impúxose na final por un claro 89-72 a Michigan State que xogaba na casa, nun ateigado Detroit´s Ford Field que acolleu un aforo de máis de 70.000 espectadores, unha auténtica loucura! O ambiente non afectou para nada o equipo que adestra o gran Roy William, que xuntaba unha serie de grandísimos xogadores e un inmellorable traballo colectivo. Wayne Ellington, excelente tirador, foi designado MVP da final. Canda el o base Ty Lawson que meteu 21 puntos e roubou oito balóns, e o pívot Tyler Hansbrough, que fixo 18 puntos, erixíronse máis unha vez, xunto con Danny Green nos líderes dun grupo que estableceu unha marca para a historia da competición: foron os número 1 do campionato de principio a fin algo que non acontecía dende 1982, cando North Carolina foi campioa cun equipo liderado por Michael Jordan. Michigan St. foi un digno rival e completou un campionato por riba das súas posibilidades pero apenas puido opór resistencia nunha final na que o contrario xa gañaba por 55-34 ao remate do primeiro tempo (na NCAA xóganse dous tempos de 20 minutos). O equipo liderado por Tom Izzo e con Goran Suton de líder, contemplou marabillado a superioridade na cancha dos seus rivais. Ademais dos catro xogadores de North Carolina que antes mencionamos, o campionato deixou ver algúns homes que en pouco tempo serán xogadores relevantes na NBA como o pívot tanzano de 2,20, Hasheem Thabeet (de UConn), dotado duns fundamentos imporopios da súa altura, anotador, reboteador, taponador e intimidador insaciable. Do seu mesmo equipo é o base A.J. Price, excelente anotador. Porén, o xogador que máis marabillou e que posiblemente sexa primeiro no draft deste ano é Blake Griffiin, da Universidade de Oklahoma (perderon a final rexional precisamente con North Carolina). Trátase dun á-pívot físicamente imparable e de grandísimo talento. Por riba dos 20 puntos e 10 rebotes de promedio, superou a marca de dobles-dobles nunha temporada que establecera na 1986-1987 David Robinson. (A foto de Tyler Hansbrough celebrando o título na web da NCAA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário