13/04/2009

UN BARÇA PARA A HISTORIA

Despois das minivacacións da semana santa recuperamos o fío facendo un repaso do que aconteceu nestes días, inda que vaia por diante que non puiden seguir a actualidade tanto como quixera, e haberá que tirar das crónicas dos outros. Con todo, comezamos cun partido que si puiden ver, o baño do Barça ao Bayern nos cuartos da Champions. Os cataláns practicamente aseguraron a súa presenza nas semifinais despois dunha exhibición nos primeiros corenta e cinco minutos de partido que os converten nos principais favoritos para o título. Independentemente da lastimeira imaxe ofrecida polo Bayern de Munich, impropia da grandeza dos bávaros, o partido foi brillante, unha exhibición que será lembrada durante moito tempo pois exemplificou todas as virtudes dun plantel chamado a facer historia. Leo Messi, a diferencia de Cristiano Ronaldo o día anterior, deu un auténtico recital de xogo e demostrou por que é, a día de hoxe, e sen ningún tipo de dúbidas, o mellor xogador do mundo. Canda el, Xavi e Iniesta déronlle ao xogo dos cataláns unha fluidez, vistosidade e brillantez inimitable. Os dous teñen, con cadansúas características, unha facilidade incrible para xogar o fútbol de maneira sinxela e ao mesmo tempo vistosa. Non renuncian ademais ao sacrificio colectivo e defensivamente recuperan unha chea de balóns en campo contrario que son a orixe da meirande parte das ocasións dos cataláns. Henry e Eto´o pola súa parte, son os socios perfectos para converter o xogo liderado polos seus compañeiros nunha máquina de meter goles. O Bayern, apoucado, triste, pequeno, non apelou sequera á Historia, nin ao orgullo, e acabou sendo un xoguete nas mans das estrelas do Barça. Se nun partido sae un caneo de cada tantos, un pase ao oco de cada tantos, un cambio de orientación de cada tantos, o mércores ao Barça saiulle todo absolutamente. O 4-0 foi un resultado curtísimo para o visto no primeiro tempo, alén do penalti non sinalado a Messi que o árbitro sancionou con cartón ao arxentino e expulsión de Guardiola polas protestas. Foi a peor noticia para o Barça, pois Messi terá que andar con ollo para non perder algún próximo partido por sanción. Os goles, dous de Messi, outro de Eto´o e outro de Henry foron exemplos perfectos de calidade e eficiencia ofensiva. No segundo tempo, o Barça, como tantas outras veces, decidiu baixar un par de marchas e o equipo de Jürgen Klinsmann librouse dunha chosca histórica. A volta parece un mero trámite para os cataláns. O Bayern, de todos os xeitos, terá que saír con outra cara para lavar a súa imaxe, nunca tan pobre nunha competición europea, independentemente da calidade do seu contrario. (Foto da web da UEFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário