13/04/2009
O MÁLAGA: EQUIPO REVELACIÓN
O Málaga confirmouse como equipo revelación da Liga e demostrou que a estas alturas as súas aspiracións de estar en Europa a vindeira temporada son moi razoables, despois de gañar brillantemente (0-2) ao Vilarreal no Estadio do Madrigal. Tapia, un técnico de perfil baixo pero que sempre lle saca o máximo rendemento aos seus planteis, armou un equipo moi consistente no que cada xogador sabe perfectamente cal é o seu rol. Jesús Gámez, un home da casa, forma unha sólida parella de centrais con Wellington. No centro do campo, o gran descubrimento foi o de Apoño, outro malagueño que está a chamar a atención pola súa capacidade de liderazgo e o seu magnífico criterio na distribución do balón, ben escoltado por Lolo, un home saído da canteira sevillista. En ataque, o Málaga xera moito perigo grazas, sobre todo, á profundidade dos seus homes de banda. Pola esquerda, o portugués Duda, cunha luva na súa zurda e que xera inúmeras ocasións a balón parado. Pola dereita outro portugués, Eliseu, desexado por Lendoiro, desborda seguido grazas á súa potencia. Arriba, Adrián, o asturiano cedido polo Dépor, non marca moitos goles pero fai un traballo impagable de desgaste e asociación cos homes do medio campo. Do mesmo xeito destaca polo seu sacrificio o ex do Racing de Ferrol Nabil Baha, incansable na súa presión á defensa contraria. O Malaga xoga moi ordenado e o seu sistema de xogo apenas muda xogue na casa ou fóra. A tres puntos do Valencia, que ocupa a cuarta praza, e sen nada que perder, agárdalle un prometedor treito final da temporada. Non é o caso do Vilarreal, encerellado nos seus compromisos europeos, con Ibagaza baixa para o que resta de temporada e un home fundamental como Marcos Senna, que saíu tocado do partido do sábado. Nas últimas semanas o equipo de Pellegrini perdeu moita da súa consistencia defensiva e os homes de arriba: Rossi, Nihat e Llorente, están enfrontados ao gol. O que parece recuperarse é o Valencia que gañou a domicilio no Molinón. Dous asturianos, Villa e Mata, senteciaron ao Sporting, que se mete en problemas pois só ten tres puntos de marxe con respecto ao descenso. O Numancia e o Espanyol seguen nos últimos postos despois de empatar sen goles nun partido crucial nos Pajaritos. O Recreativo é o terceiro en postos de descenso, inda que vendeu cara a súa derrota no Camp Nou ante o Barcelona, que gañou 2-0 con goles de Iniesta e Morris en propia porta. O Real Madrid non cede e segue coa súa espectacular xeira de resultados. Gañoulle no Bernabeu 2-0 ao Valladolid con goles de Raúl e Robben, nun partido no que Higuaín foi unha vez máis o mellor dos brancos. O Sevilla, en terra de ninguén, perdeu na casa ante o Xetafe (0-1, gol de Gavilán), que consegue tres puntos vitais nas súas aspiracións de permanencia. (Foto da web do Málaga C.F.)
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário