01/04/2009

DEMASIADO CASTIGO PARA TURQUÍA

Despois do partido (1-2) de hoxe no Ali Sami Yen de Estambul España ten practicamente asegurado o seu pase directo á Fase Final do vindeiro Mundial de Sudáfrica. Aseguraría a clasificación gañándolle a Bosnia en Saraxevo no vindeiro partido. Porén, Turquía, despois de perder por dúas veces contra os de Del Bosque, teno realmente complicado. É unha pena porque os turcos son unha selección con calidade e personalidade, que producen enorme simpatía no espectador neutral. No Bernabeu, o pasado sábado, foron valientes e por momentos xogaron ao fútbol con máis brillantez cos locais, pero perderon por un afortunado gol de España a balón parado. Hoxe a historia foi diferente. Turquía quixo aproveitar nos dez primeiros minutos de partido o ruxibao do seu estadio para poñer a España contra as cordas, pero a campiona de Europa tirou de oficio e axiña apareceron Xavi, Senna e Xabi Alonso para gañar a batalla no centro do campo. España defendeu moi arriba e Xavi e Silva impedían en todo o momento que o xogo dos turcos puidera pasar por Mehmet Aurelio ou, sobre todo, Emre Belezoglu. así que os turcos que saíron moi dispostos víronse incapaces de xogar no mediocampo e facerlle chegar o balón aos seus avanzados. España, de tan arriba que presionaba mesmo dispuxo dalgunha ocasión clara. Riera mandou unha volea espectacular que Demirel enviou a córner nun escorzo esaxerado. Pero do mesmo xeito que o sábado España marcou cando Turquía era claramente superior, o gol de Turquía chegou hoxe cando mellor xogaban os de Del Bosque. O balón chegoulle a Arda Turan, xogador do Galatasaray de inmensa calidade, caído na banda esquerda, lonxe da área aínda. Levantou a cabeza e enviou un centro á área que mesmo pareceu un lanzamento a balón parado. A defensa española saíu mal a facer o fóra de xogo e Tuncay, que aparecía dende a banda contraria, controlu o balón e deixoullo franco a Semih Senturk para que adiantase a súa selección. Agromaron as bengalas nas bancadas porque os de Fatih Terim atopaban um premio inesperado visto o que estaba a acontecer sobre o céspede. Despois do gol o partido mudou. Turquía non tiña tanta anseidade e controlaba moito mellor o xogo dos españois. Pouco a pouco Tuncay e Arda Turan participaban máis no xogo e Semih e Nihat procuraban as combinacións para romper a defensa española. España, en cambio, apenas xeraba ocasións e cando o facía, as máis das veces grazas ao talento de Xavi para poñer o balón no lado máis inesperado, Fernando Torres erraba no último control. Pero España non necesita facer demasiado para marcar gol, só así se explica que leve 31 partidos sen perder. Nun balón á area que non blocou con seguridade Demirel, o lateral esquerdo de Turquía acabou metendo a man para evitar un gol . Penalti claro e Xabi Alonso empataba para España. A partir dese momento, Turquía foi incrementando devagar a intensidade do seu ataque. Procurou achuchar a España e dispuxo de boas ocasións pero non a acompañou a sorte. A medida que se achegaba o final do partido, o equipo de Fatih Terim descoidaba cada vez máis a defensa e nun rexeite longo de España Güiza fixo unha magnífica xogada e cun control orientado superou en carreira a Hakan Balta e deulle en bandexa o gol da vitoria a Riera. Ao final Turquía que non mereceu perder ningún dos dous partidos, suma cero puntos e ve como se lle complica moito a clasificación, pois Bosnia, que está moi forte, non errou ante Bélxica (2-1). Ao cuarto de hora o dianteiro Edin Dzeko, que xoga na Bundesliga no Wolfsburgo, xa metera dous goles. Bélxica só ameazou no último minuto co gol de Swerts. No outro partido do grupo 5, irrelevante a efectos de clasificación, Estonia gañoulle en Tallin 1-0 a Armenia con gol de Puri no minuto 83. Con 6 partidos xogados todos os equipos a clasificación esta como segue: España (18), Bosnia (12), Turquía (8), Bélxica (7), Estonia (5), Armenia (1).
Repasamoso resto dos grupos europeos. No grupo 1, o de Portugal, Dinamaca e Hungria gañaron os seus respectivos partidos e xa lle sacan sete partidos de vantaxe aos de Queiroz. Dinamarca non tivo problemas para superar a Albania 3-0 con goles de Andreasen, Larsen e Poulsen. Menos problemas tivo Hungría para impoñerse á feble Malta tamén por 3-0 con goles de Hajnal, Gera e Juhasz.
No grupo 2, Grecia é líder con 13 puntos tras a vitoria sobe Israel (2-1). Salpingidis (32`) adiantou a selección de Rehhagel. Empatou Israel por medio de Golan e Samaras (67´) puxo de penalti o resultado definitivo. Empatada a puntos con Grecia está a Suíza de Omar Hitzfeld, que gañou 2-0 o seu partido ante Moldavia con goles de N´Kufo (20´) e Alexander Frei (54`). A tres puntos de Grecia e Suíza está Letonia despois de impoñerse por 2-0 á débil Luxemburgo. Marcaron Zigajevs (44`) e o dianteiro do Celta Maris Verpakovskis (76`).
No grupo 3, Eslovaquia deu a gran sorpresa ao gañarlle á República Checa en Praga. Adiantou Sestak (23`) aos eslovacos. Empatou Skrtel (30`) de penalti e Jendriksen no 83 marcou o 1-2 definitivo despois dun mal rexeite na área de Petr Cech. Irlanda do Norte asegurou o liderato unha xornada máis tras vencer 1-0 a Eslovenia con gol de Feeney (73`). Por último, na cidade de Kielce Polonia acadou a goleada do ano (10-0) ante San Marino. Smolarek marcou 4 goles. Neste grupo Irlanda do Norte é líder (13 puntos en 7 partidos, seguido por Eslovaquia (12 en 5 partidos), Polonia (10 en 6) e a República Checa e Eslovenia (8 en 6). Sen dúbida un dos grupos máis igualados.
No grupo 4, Alemaña segue impoñendo paso firme. Gañoulle 0-2 a Gales, en Cardiff con goles de Ballack (11') e Ashley Williams (48`) en propia portería. Apenas Rusia lle mantén o pulso aos alemáns. A selección de Hiddink gañou cun exiguo 0-1 (gol de Zyrianov no 38`) á modesta Liechtenstein no Rheinpark de Vaduz.
No grupo 6 a Inglaterra costoulle gañarlle en Wembley a Ucrania. Crouch puxo por diante aos de Cappello no 29, pero o incombustible Shevchenho empatou no 74. Inglaterra tivo que agardar a a que John Terry (85`) aparecese nun barullo en xogada a balón parado para manter a súa xeira vitoriosa. En Andorra, Klasnic e Eduardo da Silva certificaron a fácil vitoria de Croacia (0-2), metres que en Almaty, Bielorrusia goleou (1-5) a Kazahstán. Adiantouse o equipo local no 10 por medio de Abdulin, pero Bielorrusia resolveu tras o descanso con goles de Hleb, dous de Kalachev, Stasevich e Kovel. Inglaterra lidera o grupo con 15 puntos, seguida de Croacia con 10 e Ucrania con 7.
No grupo 7, Francia volveu dar unha pobre imaxe ante os seus adeptos. Tivo que agardar a que no minuto 75 Ribery marcase a vitoria ante a modesta Lituania. No outro partido do grupo Austria venceu 2-1 a Rumania. Hoffer con dous goles (25' e 44') remontou o gol inicial de Tanase. Serbia lidera este grupo con 12 puntos, por 10 de Francia, 9 de Lituania e 7 de Austria.
No grupo 8, a Irlanda de Trappatoni acadou un moi meritorio empate ante a Italia de Lippi. Adiantara aos azzurri Iaquinta no minuto 10, mais Irlanda non perdeu a fe e Robbie Keane empatou no 89. Italia é lídercon 14 puntos mais Irlanda non cede e é segunda con 12. Bulgaria mantén as súas opcións. É terceira con 7 puntos e un partido menos. Onte impúxose a Chipre (2-0) con goles de Popov e Makriev. No outro partido do grupo Xeorxia e Montenegro empataron a ceros.
No grupo 9, Holanda acadou a súa quinta vitoria en cinco partidos. Superou claramente (4-0) a Macedonia con dous goles de Kuyt, outro de Huntelaar e outro de Van der Vaart. Moi lonxe dos holandes, é segunda Escocia que gañou onte en Hampden Park a Islandia (2-1). McCormack no 39' adiantou os escoceses. Empatou Sigurdsson no 54 e Steven Fletcher, no 65, marcou o gol da vitoria definitiva.
(A foto de Sentürk na web da FIFA)

Nenhum comentário:

Postar um comentário