28/03/2009

NOSTALXIA DE PAULETA

Portugal vaino ter francamente complicado para estar no Mundial de Sudáfrica no 2010. Hoxe estaba obrigada a gañar os tres puntos ante Suecia e non o conseguiu (0-0) por culpa, sobre todo, da falta de pegada. Antes do partido o presidente da Federaçao Portuguesa Gilberto Madail, entregáballe un trofeo conmemorativo a Pauleta como máximo goleador da Historia da Selección (47 goles en 88 partidos). Abofé que os adeptos que encheron hoxe o Estadio do Dragao do Porto botaron en falta o ciclón dos Azores.Malia que Carlos Queiroz dispuxo no once inicial tres avanzados de moita calidade como Danny, Cristiano Ronaldo e Simao, faltou o home de área que cheira o gol a cada momento. Foi unha mágoa porque Portugal xogou realmente ben. Con Meireles, o mediocentro do Porto, como director de orquestra tomando sempre decisións acaídas, xogando en longo ou en curto, cambiando seguido a orientación do xogo, ofrecéndose aos compañeiros..Portugal demostraba un xogo ben fluente. Os laterais, Duda pola esquerda e Bosingwa pola dereita, imcorporábanse seguido ao ataque xerando situacións de perigo, como un centro do xogador do Málaga que case sorprendee a Isaakson ao bater no pao. Os tres de arriba, coa súa constante mobilidade xeraron problemas na defensa sueca que, con todo, sempre estivo moi atenta á hora do despexe e do corte. O veterano Olof Mellberg e, sobre todo, Daniel Majstorovic, central de 31 anos que xoga no AEK de Atenas, foron sen dúbida os mellores do seu equipo, que apenas rondou a porta de Eduardo en todo o primeiro tempo, pese a presenza do peleón Elmander e do gran Henrik Larsson. Portugal antes do descanso tivo algunhas ocasións realmente claras pero en todas fallaba a definición no último remate. No segundo tempo o partido comezou co mesmo espírito. Os lusos dominaban o xogo e seguían xerando ocasións claras con relativa facilidade. O Tiago, xogador que prometía moito de novo e que nunca chegou a brillar como se esperaba, xogou de inicio hoxe e fixo un partido máis que aceptable, acompañando polo centro aos avanzados en máis dunha ocasión. Nunha delas deulle un pase maxistral por detrás da defensa a Danny que mandouna as nubes nun remate impropio da súa calidade. En Suecia entrou un vello coñecido Christian Wilhelmsson, e en Portugal Deco entraba por Tiago e o Hugo Almeida por Danny. Deco, que era dúbida por unhas molestias, demostrou que é un xogador fundamental para Portugal e asumiu o peso do xogo. Porén, os suecos de Lars Lagerback estaban cada vez máis cómodos atrás e aos de Queiroz entroulles a angustia polo resultado. Eduardo, o gardarredes, a piques estivo de complicalo máis aínda cunha saída en falso nun balón á area que case lle costa un disgusto e que lembrou demasiado á de fai dez días na UEFA que supuxo a eliminación do Sporting Braga. A ocasión máis clara tívoa Cristiano Ronaldo no 84 mais de xeito inacreditábel enviou ás nubes un remate franco coa cabeza a metro e medio da liña de gol. O de Madeira non é dende logo este ano o mesmo xogador da temporada pasada. A súa presenza nos partidos é moito máis testimonial e xa non arrepía tanto aos defensores contrarios. O partido rematou pois con empate ante a falla de gol dos portugueses que van ter realmente complicado selar o pasaporte para Sudáfrica. Portugal é terceira do grupo con 6 puntos. Dinamarca é líder con 10 puntos e un partido menos que Portugal. Cos mesmos partidos, Hungría ten tamén dez puntos. Albania ten os mesmos puntos que Portugal cun partido máis e Suecia os mesmos cun partido menos. Misión practicamente imposible, é de ver. (Foto de Miguel Vidal na web do Público)

2 comentários:

  1. Qué castigo de Sábado; cheguei farto de pasar frío en Baláidos e póñome a ver o aburridísimo partido do Dragao.
    Non entendo o plantexamento de Queiroz, nin os cambios nin a terquedade na idea inicial.
    Entendo que respectase a Suecia, pero eu decateime de que xogaba Larsson na segunda parte (non estou esaxerando, collín o partido no minuto 15 da primeiro tempo), soamente tocaban o balón Mellberg e Majstorovic -que despexaban coma frontóns-.
    Entendo que non haxa dianteiro centro, se non quere confiar en Hugo Almeida por algo será, pero eran necesarios Pepe e Meireles todo o partido? (por certo, co novo look de Meireles e monequeira negra, o locutor os confundía constantemente e eu tampouco andaba moi atinado en facelo)
    Non entendo o plantexamento, porque sen dianteiro centro clásico, o xogo de Portugal era facer constantes centros á área para que, aínda por riba a maioría dos centros eran diagonáis desde tres cuartas partes do campo (como fan os malos lateráis cando se incorporan ao ataque)e non houbo plan B en ningún momento. Non prepararon o partido ou? Os suecos teñen dous armarios no centro da zaga e o estilo de xogo non variou.
    Non había ningún xogador ocn clase para dar o derradeiro pase, Tiago non é Deco -inda que sí deu un pase-, Meireles polo menos tentou algún tiro lonxano para abrir a lata, pero con pouco atino.
    Cando vexo que se pon Ricardo Carvalho de
    lateral e sae Rolando de central -que nervoso estivo, por certo- alucinei.
    En vez de quitar a Pepe para que entrase Deco, sae Tiago.
    Almeida entra ao final. Non mexe a Cristiano de posición...
    Gustoume moito Duda, ten unha grande proxección, pero sufre bastante en defensa (está a xogar de lateral en Málaga? é que non vin ninun so partido do Málaga este ano)

    Unha decepción a verdade, porque pareceume un equipo moi moi plano, sen ideas, agobiado.
    Eu cargo toda a responsabilidade en Queiroz -independentemente de que non me convenza nada como adestrador-.
    É verdade que Cristiano non está fino, a lesión que tivo lémbrame bastante á que tivo Etoó que todos o cargaron de responsabilidade sen darlle tempo a que se recuperase ben, e mírao este ano. Supoño que a Cristiano pasaralle o mesmo, pero ten que asumir os galóns en Portugal con intelixencia non pretendendo resolver el -gustoume o feito de que non tirase ningunha das dúas faltas no borde da área, procurando unha sorpresa que non chegou-.
    Non sei que pensa a prensa portuguesa deste feito porque todavía non lin os xornais de onte, pero esta tarde poreime a iso.

    Por certo que Portugal ten unha convocatoria da selección B para xogar con Romanía. Paréceme unha grande idea (Nestas historias sí que é bo Queiroz)
    Un saúdo

    ResponderExcluir
  2. Eu penso que Portugal non xogou mal, inda que evidentemente hai que esperar moito máis. Sorprendeume ver a Pepe no mediocampo, como se non houbese xogadores de calidade abonda en Portugal como para xogar de xeito máis natural nesa posición. Arriba faltaba un dianteiro de referencia que fixase os centrais. Houbo algunha boa xogada combinativa mais sempre faltaba claridade á hora de rematar. A baixa de Bosingwa foi unha auténtica magoa porque con el o equipo tiña as dúas bandas activas, e sen el era moito máis fácil tapar a Ronaldo. pouco perigoso xa de por si. Con todo, penso que mereceu gañar Portugal. Sen facer demasiado tivo oportunidades para arcar alomenos un gol. A situación é moi preocupante. En Portugal xa o dan por imposible e abofé que o parece vendo a clasificación.

    UN SAUDO

    ResponderExcluir