Na temporada 2004-2005 non se sabía onde podían estar os límites de Fran Vázquez, o pívot de Chantada que viña de abraiar a todo o mundo cunha temporada magnífca no Unicaja Málaga que dirixía daquela Sergio Scariolo e co que se proclamou campión de Copa. Naquela temporada foi por dúas semanas MVP da xornada e no verán tiña a oportunidade de converterse no primeiro galego en chegar á NBA, ao ser elixido na primeira ronda do draft, no número 11, polos Orlando Magic. Daquela Fran posou coa gorra do equipo de Florida canda David Stern, e aos afeccionados ao baloncesto xa nos tardaba a curiosidade por velo na mellor Liga do mundo a carón do todopoderoso Dwight Howard, quen tomara terra na NBA un ano antes. Mais Fran tomou unha decisión absolutamente inesperada e renunciou ao soño de calquera cativo para ir xogar a Girona, ao Akasvayu, hoxe desaparecido, mais que daquela a base de diñeiro da construción, pretendía cuestionar a hexemonía dos grandes. A partir dese momento a carreira de Fran Vázquez foi seguido a peor. Baixou considerablemente o seu rendemento, parecía que se freaba a súa progresión e quedou fóra da selección española que logo se proclamou campiona do mundo e subcampiona de Europa. O ano pasado Fran Vázquez fichou polo Barcelona, e despois dunha primeira temporada aceptable, nesta volve explotar como o fantástico xogador que é. Nun Barcelona no que Chichi Creus argallou un cuarteto excepcional de homes altos, con Fran, Ilyasova, Andersen e Santiago, o de Chantada é o máis determinante, e inda que non conta con tantos minutos como outros xogadores determinantes da Liga, é un dos líderes de valoración e volve contar con dous MVP da xornada, o último onte despois de facerlle 23 puntos, 9 rebotes, 2 asistencias e 2 tapóns ao Vivemenorca en apenas 21 minutos. Fran está moito máis centrado no seu xogo e volve instalarse baixo os aros, despois dunhas últimas campañas nas que tendía a liscar cara o perímetro, onde o seu xogo, malia un tiro aceptable a media distancia, perdía moitos enteiros. Con Navarro, penetrando seguido e atraendo as axudas dos pívots contrarios, Vázquez está na súa salsa e é, con diferencia, o xogador que máis mates suma na ACB. As portas da selección española e, sobre todo, as da NBA seguen abertas para un xogador ao que descubriu un día Moncho López xogando de porteiro de fútbol no equipo do seu pobo. (Foto da web do Regal Barcelona)
Assinar:
Postar comentários (Atom)
É curioso como o carácter dunha persoa e a xente que hai ao seu redor poden influir tanto nalguén. As cualidades de Fran son indubidables, e despois de dous anos de erros nas súas decisións parece que despois de asinar polo Barça e de centrarse, de desaparecer das conversacións alleas ao basket, volta ser o xogador determinante que era e que chamou a atención da NBA
ResponderExcluirAgora soamente hai que agardar que non volva tomar decisións precipitadas, que coide a súa carreira, que teña paciencia, que o chamen para a selección sí ou sí e que siga xogando minutos de calidade. Ogallá
Ogallá. A min encantaríame velo na NBA algún día. A poder ser nos Hornets, con Chris Paul, en vez de Tyson Chandler.É un falar. Pero, en fin, nunca entendín como non aproveitu aquela oportunidade. Seguramente tería as súas razóns. Pero deume pena. UN SAUDO
ResponderExcluir