10/03/2009

JONATHAN POR LAFITA?

O propio Miguel Ángel Lotina confirmoulle onte aos micrófonos da Galega o interese do Deportivo por facerse cos servizos de Jonathan Pereira para a vindeira temporada. Todo dependería dunha operación na que o Vila Real aceptaría incluír o prometedor dianteiro vigués do Calvario nunha operación pola que se farían cos servizos de Lafita, ao que Lotina xa dá por perdido: "Imos botar moito de menos a Lafita o ano que vén" asegurou o técnico de Meñaka na rolda de prensa posterior ao partido do domingo. Pereira, de 21 anos leva unha carreira espectacular. Debutou co Vila Real con só19 anos nun partido contra o Levante e marcou ao minuto de saír o campo. A pasada campaña xogou cedido no Racing de Ferrol, en Segunda, e foi o xogador máis destacado con 11 goles e o amor dunha bancada enfeitizada pola habilidade do Rata para facer os caneos máis inverosímiles. Esta temporada xoga cedido no Racing de Santander e xa demostrou a súa capacidade para triunfar na Primeira División. Leva 5 goles en 28 partidos (entre eles un no Camp Nou e o do domingo en Riazor) e pasou xa á historia do club cántabro por ser o primeiro goleador do equipo en competicións europeas. Marcou o 1-0 no debú do Racing na UEFA contra o Honka finlandés. Outro fito cos cántabros foi marcar o gol máis temperán na historia deste clube, precisamente o do domingo en Riazor ao levárense apenas 25 segundos de xogo. O do domingo non foi o seu primeiro gol en Riazor pois xa antes marcara como local no seu debú coa camisola da selección galega: un auténtico golazo no 1-1 contra Ecuador. Dianteiro especialmente habilidoso e con tendencia a caer as bandas é un xogador realmente interesante para o Dépor do futuro, se ben de caracerísticas diferentes ás de Ángel Lafita, un home ao que como ben di Lotina imos botar moito de menos. En todo caso, a ver que pasa de aquí para alá. (A foto collina no blog de Kantabro)

2 comentários:

  1. Estupendo xogador Jonathan Pereira, pero fáltalle érta continuidade. Xa lle ocorreu o anopasado no Racing de Ferrol, comenzou moi ben pero foi perdendo forza e capacidade resolutiva co paso da tempada. Habería que ter paciencia con ele non esixirlle excesivamente desde o principio.

    Agora ben, chegaría cedido, en propiedade, desprenderíase definitivamente o Villarreal despois de dúas cesións proveitosas? Teño moitas dúbidas sobre iso.
    O que sí sería, sen dúbida,é un golpe moi duro para o Celta, e digo isto desde Vigo.

    ResponderExcluir
  2. Tes razón en que parece que se lle fan un pouco longas as temporadas. Tanto en Ferrol como este ano empezou espectacularmente e logo estancouse un anaco, pero inda así é moi novo e o balance é moi bo.

    Logo pareceríame raro tamén que o Vilarreal estivera disposto a desprenderse del tan facilmente. Paréceme máis probable a cesión , ainda que todo dependerá do interese que poidan ter por Lafita. En todo caso, estes rumores que saen tan cedo poucas veces fructifican.

    Unha aperta

    ResponderExcluir