07/03/2009

OS CELTICS ANULAN A LEBRON

No partido máis destacado da xornada, que enfrontaba os dous mellores equipos da Conferencia Leste nunha sorte de final anticipada, os Celtics superaron as circunstancias: baixa de Garnett, lesión de Rondo nun nocello no primeiro cuarto inda que continuou renqueante, expulsión de Glen Davis por unha persoal flagrante na que practicamente esgana a Anderson Varejao, etcétera... e impuxéronse (94-105) a uns Cavaliers nos que a súa estrela Lebron James foi perfectamente anulada pola defensa do equipo de ´Doc Rivers´. Encargouse da súa marca Paul Pierce mais sempre contou co apoio de compañeiros para o 2 contra 1 ou 3 contra 1 que acabaron desquiciando ao elixido. LeBron anotou 21 puntos pero sempre en accións illadas e cunha porcentaxe de acertos moi baixa (5 de 15 en lanzamentos de campo). Inda por riba, os homes altos dos Cavs foron superados en todo momento polos pívots dos Celtics, simplemente espectaculares en anotación, rebote e intimidación, facendo esquecer o ausente Kevin Garnett. Mención especial merece Leon Powe, quen fixo a súa actuación máis destacada da temporada cun doble doble espectacular: 20 puntos e 11 rebotes e un 9 de 11 en lanzamentos de campo. Pero a estrela do equipo foi sen dúbida Paul Pierce, quen ademais de secar a Lebron colleu a responsabilidade anotadora do seu equipo no segundo tempo, despois dun primeiro máis ben modesto neste aspecto, e erixiuse con 29 puntos e 9 asistencias no xogador do partido, gañando sobradamente o seu duelo particular coa estrela de Ohio. (Foto de Lebron de Dave Hogg)

Nenhum comentário:

Postar um comentário