14/03/2009

BENÍTEZ XA PODE BOTAR PEITO

Rafa Benítez deu unha nova lección táctica este domingo. Despois da exhibición do mércores en Anfield contra o Real Madrid, hoxe impúxose con autoridade (1-4) en Old Trafford ao todopoderoso Manchester United. É a primeira vez que o técnico madrileño consegue vencer neste campo nos cinco anos que leva na Premier. Porén, alén dos seus méritos, o técnico debera darlle as grazas tamén a Nemanja Vidic, o central serbio do United que tivo unha actuación lamentable e con dous gravísimos erros colaborou enormemente na victoria dos reds. O partido comezara igualado, co United intentando achuchar nos dez primeiros minutos aproveitando o ruxibao da bancada. mais axiña Mascherano e Lucas Leiva, -Xabi Alonso era baixa- dominaron o centro do campo e devagar o Liverpool comezou a dar unha lixeira sensación de dominio. Foi o United, en cambio, o que se adiantou grazas a unha intelixente acción de Tévez, que apareceu entre liñas e mandou un perfecto pase entre os defensores a Park, que foi derrubado inocentemente por Reina. Cristiano Ronaldo marcou o penalti na única acción meritoria que se lle pode contabilizar en todo o partido. O xogo púñase de cara para os de Ferguson, co marcador a favor e o Liverpool obrigado a deixar máis espazos, mais foi daquela cando Vidic cometeu o seu primeiro erro da noite. Nun despexe da defensa visitante, non controlou ben o bote e permitiu que un inconmesurable Torres lle roubara a carteira. O de Fuenlabrada, nun estado de forma extraordinario, non desaproveitou a oportunidade e cruzou perfectamente a bola ante a saída de Van der Sar. O Liverpool tomou daquela o dominio do xogo, e novamente Torres, pouco antes do descanso meteu un perfecto pase ás costas de Vidic, que aproveitou Gerrard para encarar só ao porteiro. Foi derrubado e o propio capitán do Liverpool transformou o penalti. Parecía que co 1-2 o Liverpool disporía de moitísimas ocasións á contra no segundo tempo, mais o United decidiu achuchar con intensidade e o Liverpool abondo facía con defender na súa área. Rooney, que 'odia' ao Liverpool,  multiplicábase por toda a fronte do ataque e xeneraba as principais ocasións do seu equipo ante a falta de participación de Ronaldo. Mais cando parecía que o partido estaba máis cerca do empate que do terceiro do Liverpool, Vidic volveu aparecer. Controlou mal un balón e deixoullo en bandexa a Torres para que encarara só a porta rival. Tivo que derrubalo e foi expulsado. Inda por riba, da falta saíu o terceiro gol, unha fantástica transformación do libre directo por parte de Fabio Aurelio. Co 1-3 e un menos, o United intentouno á desesperada e por segunda vez consecutiva, apareceu o italiano Dossena como inesperado goleador para sentenzar co 1-4. Vitoria merecida e importantísima do Liverpool que lle dá un chisco de emoción á Liga, inda que o United mantén unha vantaxe notable, e que é un subidón de moral para os de Benítez de cara á recta final da competición. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário