
Phoenix Suns afúndese na lameira. Despois da chegada de Alvin Gentry parecía que os Suns recuperaban os mellores sinais de identidade do seu xogo cunha xeira de seis vitorias e dúas derrotas. Mais nos últimos cinco partidos, ante equipos punteiros, afloraron de vez todos os problemas dun equipo murcho, sen ningunha profundidade no banco: apenas Barbosa, e con Stoudemire mancado polo que resta de temporada. Onte a puntilla dérona os Mavericks no US Airways Center de Phoenix. O partido era unha auténtica final por canto Dallas marcaba a referencia dos playoffs. Perder supuña para os Suns renunciar, practicamente, a calquera posibilidade de entrar entre os oito primeiros do Oeste, e perderon
(120-117) ante un equipo texano liderado maxistralmente por Dirk Nowitzki, que anotou 34 puntos e apañou 13 rebotes. A inferioridade dos Suns, precisamente, nesta faceta do xogo: o rebote (46-36) foi o factor decisivo nun partido vibrante e igualado ata o final. Mentres que no Leste mantense o incertidume por que equipos entraran no play off, no Oeste parece que os oito postos están decididos. Só falta saber o posto definitivo na Liga Regular. Os Jazz, por exemplo, conseguiron onte a súa duodécima vitoria consecutiva, desta volta na cancha dos Pacers
(112-100). Os Spurs cortaron
(86-100) a fantástica xeira de seis vitorias consecutivas dos Bobcats, que se perfilan como aspirantes a entrar nos play offs do leste. Pola súa banda, Lebron asinou un novo triple doble (32 puntos, 13 rebotes, 11 asistencias) na vitoria de Cleveland
(87-83) na cancha dos Clippers. (Foto de
mwinog2777)
Nenhum comentário:
Postar um comentário