
Segundo partido con Eusebio no banco e enésimo partido sen gañar. Desta volta tocaba o Elxe de Claudio Barragán. O partido comezou como o da semana pasada, co Celta aparentando que quería ter a posesión do balón, inda que fose apenas a base de tocala entre os homes da zaga. Só David Rodríguez, unha vez máis, esta semana caído a banda esquerda, poñía chispa en ataque. Cando lle chegaba o balón desbordaba seguido ao seu par. O de Talavera é, ata agora, a mellor noticia dos vigueses dende a chegada de Eusebio. A súa participación pegado a banda é o principal argumento ofensivo do Celta, sexa pola súa capacidade de desborde ou pola súa tendenza a ir rematar por sorpresa cando o balón procede da outra banda. Así foi como o Celta se adiantou. Centro de Abalo dende a dereita e David Rodríguez aparece sorprendendo ao seu defensor. Inda que coa man o gol subiu o marcador e puña de cara o partido para o Celta que, porén, segue sendo un equipo feble de máis como para saber ler os partidos con madurez. Co gol a favor quixo manter o sistema de xogo, pero Claudio Barragán puxo a andar aos seus e a defensa do Celta, na que se instalou o canteirán Jordi acompañando a Rubén, comezou o seu festival de erros. Os de Elxe abusaron do pase interior polo medio dos centrais e deste xeito incháronse a ter ocasións ata que Saul culminaba unha xogada en gol despois de maxistral pase de Miguel. O empate puña dos nervios aos poucos seareiros nas desertas bancadas de Balaídos e enchía de dúbidas tamén os propios xogadores. O Elxe fíxose dono do partido e nun novo erro defensivo atopaba unha falta preto da frontal que Zubiaurre transformaba nun espléndido gol, ante o que nada puido facer Notario. Chegábase ao descanso co marcador en contra. Eusebio desta volta non se atreveu a mandar ao banco a un inoperante Trashorras. Introduciu a Jonathan Vila e Oubiña por Michu e Rosada, outro por certo ao que lle sentou ben o cambio de sistema, e o Celta foi dono absoluto do partido. O Elxe, moi xunto e moi pechado atrás non volveu ameazar á contra. Ao Celta costáballe crear ocasións claras de gol, mais este chegou outravolta grazas a unha aparición sorpresiva de David Rodríguez no segundo pau despois de centro inofensivo de Roberto Lago. O empate era merecido premio para un Celta que, con todo, non mereceu moito máis. Os vigueses seguen vendo demasiado cerca os postos de descenso, e a pouca mellora que demostraron nos dous partidos con Eusebio, apenas David Rodríguez e un pouquiño máis de ilusión no colectivo, segue véndose contrapesada pola inconsistencia defensiva do equipo, que visita o campo do Alacante para a semana no que será un partido crucial para medir as posibilidades do Celta para asegurar canto antes a permanencia. (Foto da web oficial do
Celta)
Coincido bastante contigo.O mellor do partido, ademais de que por fion deixamos de pasar frío en Balaídos, foi que se aprecia certo cambio no estilo de xogo. O equipo sabe que quere ter o balón -non temos moito nivel para facelo, pero é o que hai- e os xogadores amosan implicación.
ResponderExcluirÉ evidente que a ansiedade é fatal compañeira, aínda por riba acompañada da mala sorte.
O positivo: Jordi -tendo a Rubén ao seu carón e na situación do equipo, apunta boas maneiras-, Rosada -moi por riba do seu nivel- Dani Abalo e David.
O malo: Rubén e Edu Moya (no seu paupérrimo nivel de toda a tempada), Trashorras (Vale que tiña a Wakaso de perro de presa, pero se agarda moitíííísimo máis del) e Dinei (que precisa un descansiño de quince días a ver se espabila e afina).
Por certo, seis galegos no campo á vez, algo incrible.
Quen nos ía dicir hai un mes que o partido co Alacante sería crucial para manterse en segunda?
A min Dinei non me disgusta, pero non parece un goleador, Jordi apuntou efectivamente boas maneiras e coido que merece unha oportunidade tendo en conta o pésimo nivel de Peña, Noguerol ou o propio Rubén. Gustoume moito a mellor de Rosada. Fai ben o seu traballo e mesmo fixo algúns cambios de orientación moi interesantes. E o dos galegos é algo insólito e positivo, inda que é unha magoa que aparezan agora nunha situación tan crítica do equipo. Sen ser moi optimista, coido que o descenso é unha posibilidade demasiado difícil. UNHA APERTA
ResponderExcluir