13/03/2009

AQUÍ MANDA KOBE

Fermoso e intenso partido (102-95) no AT & T Center de San Antonio entre os dous mellores equipos da Conferencia Oeste. Os Lakers quixeron marcar distancias dende o inicio, cun primeiro cuarto espectacular no que practicamente lles entraba todo a todos e non concedían un respiro en defensa. O parcial destes doce primeiros minutos é significativo (35-17). Os Spurs, que están sen Ginóbili, iniciaron daquela a remontada que non collería forma ata o terceiro cuarto cando Tony Parker colleu o relevo anotador de Michael Finley, quen con 25 puntos acadou o seu season high esta temporada, e ademais de anotar (13 puntos no terceiro cuarto) fixo xogar ao equipo, encirrado dende as bancadas por uns seareiros que os obrigaban a defender coa maior intensidade. Os Lakers acusaron o cambio de actitude dos texanos e como é habitual Gasol e Kobe tiveron que asumira responsabilidade para que os Spurs non se lles subiran ás barbas. Con todo, a falta de dous minutos San Antonio púxose a dous puntos grazas a unha triple de Parker. A remontada cheirábase no pabillón así que Kobe pediu a bola e case sen tempo de posesión decidiu xogarse a triple diante dos fuciños de George Hill. Dentro! Inda quedaba minuto e medio pero os Spurs (que ademais estiveron horribles nos tiros libres: 8 de 16) entenderon de contado que non había que facerlle, que na NBA a día de hoxe, se alguén manda, ese é Kobe Bryant, o home que menos teme xogarse as canastras decisivas dun partido. Parece que despois da decepción do ano pasado, coa derrota ante os Celtics, Kobe non está disposto a pasar un ano máis sen gañar o anel. O seu ego necesítao pois sería o primeiro sen Shaquille ao seu lado. Do mesmo xeito reivindícase para revalidar o MVP. Terá que rivalizar con Lebron e Dwayne Wade. Lebron, ao que malia as súas condicións espectaculares lle falta aínda a madurez de Kobe, vaillo poñer difícl. Onte acadou o seu terceiro triple doble (34 puntos, 13 asistencias, 10 rebotes) consecutivo na vitoria de Cleveland (119-111) ante uns Suns que se afunden definitivamente. Coa vitoria de onte os Lakers convértense no primeiro equipo do Oeste que asegura a súa presenza nos play off. (A foto de Kobe Bryant de WDPG-share)

Nenhum comentário:

Postar um comentário