07/03/2009
AFÚNDESE O ROSALÍA, VENCE O BREOGÁN
O Rosalía mellorou a imaxe da pasada xornada ante o La Palma, pero foi incapaz de gañar ante un Cáceres 2016 que colleu axiña vantaxe no marcador e non a abandonou en todo o partido (82-79), inda que Kamrrom Taylor chegou ter a oportunidade de forzar a prórroga na última posesión. Finalmente perdeu a bola e o equipo santiagués afúndese no posto de pechacancelas do campionato a un partido do Illescas, que sumou a súa novena derrota consecutiva, e a dous do Gandía, que marca a salvación e que vén de rexistrar unha espectacular xeira de tres vitorias consecutivas. Con todo, hai datos positivos que extraer do partido dos santiagueses. Por exemplo, que Taylor volveu brillar na posición de base ou que Miguel Montañana impuxo unha vez máis o seu poderío e a súa capacidade de loita baixo os aros. Foi o home de maior valoración no equipo (25) grazas aos seus 17 puntos, 8 rebotes e 4 asistencias. Por outra banda, onte volveu aparecer a mellor versión de Giorgios Dedas, despois do partido penoso da pasada semana. Desta vez anotou 18 puntos cun gran 4 de 7 en triples, e colaborou no xogo colectivo con 6 rebotes e 4 asistencias. Debutaron as dúas novas fichaxes: boa actuación do pívot grego Georgios Pavlidis que colaborou no xogo interior con 8 rebotes -o Rosalía foi notablemente superior ao seu rival nesta faceta do xogo (25-41)- e 9 puntos, demostrando que é un home alto con bo tiro exterior pois anotou o triple que intentou. O outro debutante, o escolta Alan Daniels, en cambio, estivo por debaixo das expectativas e terá que adaptarse antes á dinámica do equipo para ser unha peza relevante. Á modesta actuación de Daniels, hai que sumar no aspecto negativo, outra mala xornada do irregular Nana harding cun único punto, e de Sandi Cebular que despois e rematar o partido da semana pasada con cero puntos, onte rematou apenas con tres grazas a un triple. O equipo de César Iglesias emendou os problemas anotadores dos dous últimos partidos e volveu demostrar o nível comprtitivo desta segunda volta, mais fáltalle aínda a pegada suficiente para gañar os partidos. Ogallá que as novas fichaxes acaben sendo xogadores relevantes e que o resto dos compoñentes do plantel dean o 125% do seu rendemento de aquí ao final da temporada para acadar o difícil reto de saír do pozo no que está metido o equipo santiagués. Pola súa banda o Breogán venceu brillantemente (88-80) en Lugo a un duro rival, o Tenerife Rural, nunha nova exhibición do xenial Brian Cusworth, o mellor do partido con 16 puntos (88% en tiros de campo), 13 rebotes, 2 asistencias e 3 roubos de balón. Debutou cos lugueses o italiano Andrea Pecile cunha actuación discreta (5 puntos e 5 asistencias en 20 minutos). Se o talento de Pecile se adapta axiña ao equipo, xunto con Brian Cusworth os lugueses convértense en favoritos para o ascenso. (fotos da web do Rosalía)
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário