03/03/2009

O SPORTING IMPONSE NO DERBI MINHOTO

Onte disputouse en Braga o último partido da xornada da Liga portuguesa: o chamado derbi do Minho entre dous equipos veciños: o Sporting Braga e o Vitória de Guimaraes, dúas equipas con traxectorias moi diferentes esta temporada. O Braga que dirixe o Jorge Jesus caracterízase por ser a equipa que mellor fútbol practica do campionato, mentres que o Vitória de Guimaraes, que adestra o mítico Manuel Cajuda, está nunha crise de resultados e xogo que pon en perigo o seu posto. Pois ben, onte o Vitória cedeu máis unha derrota, e van catro consecutivas e sen marcar un gol, ante un Sporting que se adiantou ben cedo por medio do Paulo Cesar, despois da enésima xogada combinativa dos bracarenses no que vai de temporada. O avanzado colombiano Rentería, cedido polo Porto, e o talentoso Luis Aguiar puideron ampliar a vantaxe no marcador antes do descanso mais non estiveron acertados. No segundo tempo Cajuda quixo procurar un revulsivo renunciando a un dos seus cinco centrais para poñer un dianteiro, mais a inoperancia atacante dos vimaranenses é notoria e non ameazaron apenas a porta do gardarredes Eduardo. O Sporting limitouse a ter o balón para asegurar o triunfo que alén da importancia de mantelo na cuarta praza empatado a puntos con Leixoes e Nacional, ten o regusto especial da vitoria ante un veciño.

Nenhum comentário:

Postar um comentário