01/03/2009
MERECIDA E TRABALLADA VITORIA
Era un partido complicado. Perder, ou mesmo empatar, ante un equipo que levaba sete derrotas consecutivas e despois da debacle contra o Aalborg, tería sumido ao equipo nun estado de ánimo preocupante, cando o que queda por diante non deixa de ser máis que esperanzador pois o equipo xa pode dar por asegurada a permanencia e os únicos obxectivos á vista teñen que ver coa gloria de repetir participación en Europa, na UEFA, ou mesmo na Champions. E o equipo saíu a Los Pajaritos coa súa versión máis seria a domicilio, pechándolle ao contrario todos os espazos posibles cun granítico medio do campo, e procurando saír á contra con perigo nas poucas oportunidades dispoñibles. O guión saíu á perfección, agás por unha cousa, o gol, que tanto se resiste e que lle xogou unha nova mala pasada ao canteirán Lassad, quen por méritos propios e lesións e outros contratempos do resto de dianteiros, parece que vai disputar moitos minutos no que queda de temporada. Hoxe volveu telo nas súas botas nunha ocasión calcada á que dispuxo no seu debú contra o Vila Real, e desta volta evitou ben o porteiro mais non o pau na ocasión máis clara do Deportivo. Inda dispuxo doutra boa o equipo de Lotina aos poucos minutos, nun fermoso pase de Juan Rodríguez por riba da defensa contraria que baixou con calidade Lafita dun toque que deixou sentado ao porteiro pero que o obrigou a rematar algo escorado dándolle tempo ao defensor Boris a sacar o balón a córner. Co caro que lle está ao Dépor o gol, parecía que se desperdiciaran ocasións demasiado claras para amarrar o partido. O Numancia deu un paso adiante e dispuxo tamén da súa nunha fermosa parede de Aranda con Barkero que o dianteiro malagueño, o mellor con diferencia do seu equipo, estrelou contra o corpo dun gran Aranzubia, quen sen dúbida foi a gran fichaxe do Dépor esta temporada. Ao comezo do segundo tempo, o garda redes rioxano tivo outras dúas boas intervencións a disparos de Del Pino e Nagore. O Dépor perdera a frecura arriba e o partido tomaba un cariz preocupante, pois o empate parecía o resultado máis probable, inda que se alguén parecía poñer ánimo na vitoria era o equipo soriano, acuciado pola súa situación de pechacancelas. Mais o Dépor tivo paciencia e acabou atopando o gol grazas a unha arrincada racial de Lafita que superou un defensa, cruzou medio campo e agardou ao momento preciso para cederlle o balón a Juan Rodríguez, quen se incorporaba pola dereita e que soubo marcar inda dispoñendo de pouco ángulo. Os tres puntos teñen unha importancia máxima pois sitúan ao Dépor no vagón dos equipos que loitan pola UEFA e polo cuarto posto que dá acceso a Champions, coa expectativa dun vindeiro partido na casa contra o Racing. Esperemos que desta volta o Dépor non tire na casa o que consegue fóra, inda que os cántabros son un equipo afeito a sacar tallada de Riazor. O peor do partido, sen dúbida, as lesións de Zé Castro e Antonio Tomás, que serán baixa durante varias semanas por problemas musculares e que se suman a unha enfermería cada vez máis chea pois o plantel do Dépor comeza a acusar a esta altura da temporada a carga de partidos das tres competicións.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Qué pena que Omar Bravo no haya terminado de cuajar. Es un jugadorazo. Quizás deberían haberlo cedido a un equipo más modesto para que se fuera adaptando al fútbol europeo.
ResponderExcluirUn saludo
Sí. Está claro que non se aclimatou inda que daba a impresión de que podía ser mellor diantiro do que demostrou. Non tivo sorte tampouco. Agora vaise cedido e a ver cal é o seu rendemento en México e se o recuperamos ou, cando menos, facemos bo negocio. UNHA APERTA
ResponderExcluir