15/03/2009

EXPIACIÓN

O Sporting tiña necesidade de expiar os seus pecados europeos ante os seus adeptos en Alvalade. Estaba a afección verdibranca moi cabreada e o partido ante o Rio Ave de Vila do Conde podía ser unha cilada, pois é o de Carlos Brito equipo ordenado e traballador que sabe pescar en río revolto. Mais os de Paulo Bento saíron tranquilos, sen preocuparse en exceso polo entorno, procurando un xogo ordenado, que non desaxustara en ningún momento o orde defensivo e que arriba procurara o fútbol polas bandas. O Rio Ave, malia o seu rigor táctico, nunca ameazou en exceso ao Sporting cos seus dous homes máis avanzados: Yazalde e Fábio Coentrao, dous rapaces de 21 anos, nados na propia Vila do Conde e cun futuro prometedor, de feito os dous están no equipo da súa vila cedidos por un grande: Yazalde polo propio Sporting e Coentrao, quen probou sen éxito a comezos de temporada en Zaragoza, polo Benfica. O gol chegou mediada a primeira parte despois dunha xogada por banda na que Derlei mata o balón coa cabeza para que chege dende atrás Joao Moutinho, o capitán, para marcar cunha espléndida volea. Se o partido xa nunca tivo grandes problemas para o Sporting, chegando ao descanso, unha xogada sentenciouno definitivamente. O central Bruno Mendes cortaba unha clara ocasión coa man. Xa tiña un cartón así que foi expulsado. a falta lanzouna o Fabio Rochemback forte, rasa e axustada ao pao. Gol. O segundo tempo non tivo moita historia. O rio Ave, malia a inferiorida numérica procurou arreos para ir cara adiante mais nunca intimidou a un ordenado Sporting que tampouco quixo aproveitar para destrozar ao inimigo. Coa vitoira, a torcida de Alvalade esquece se cadra un pouco a debacle europea e alédase pois o Sporting sube ao segundo banzo da tabela clasificatorio despois do tropezo terrible do Benfica no seu estadio ante o Vitoria de Guimaraes (0-1) nun partido no que non xogou de inicio Pablo Aimar. Outro resultado curioso a malleira do Paços de Ferreira ao Leixoes que se desinfla. Hoxe xoga o Porto na casa contra o Naval- de gañar sacaralle catro puntos ao Sporting e cinco ao Benfica-, e o luns xógase o apaixonante derbi de Madeira entre Maritimo e Nacional. (Foto de mrdidi)

2 comentários:

  1. Partido na liña de toda a tempada do Sporting -ollo, non puiden velo, baséome en que onte pasei o día en Portugal e puiden ler os xornáis- que nin arre nin xo, e se está aí é porque o Porto comenzou fatal e o Benfica é... pois o Benfica ao que ten acostumados aos seus siareiros estes últimos anos.
    Non me acaba de convencer o Sporting, non sei a que xoga, non domina os partidos, sae ao campo a ver que fan os rivais -falo da liga Sagres, que na champions só vin un partido-, os seus xogadores bandeira están encabronados desde agosto, Pereirinha e Adrien Silva (que a min encántame) non acaban de ter minutos, Yannick que debería ser unha das estrelas xoga 15 minutos -o seu rendemento tampouco merece máis-, Salvo Daniel Carriço non entrou ningún outro rapaz de revulsivo, e a política de fichaxes, en vez de fixarse en Portugal, que hai xogadores moi interesantes, o fai fora e con pouco tino.
    Non sei, decepcióname moito o equipo.

    Por certo que Quique Flores non perde as mañas que coñeciamos del aquí e non asume responsabilidades dos malos resultados, di que está a facer ben o traballo e que o equipo xoga ben.
    O caso do Benfica é para analizalo durante tropecentas páxinas e non dar co que pasa. Xogador por xogador debería estar ao nivel do Porto -ou mellor-, cada ano gastan unha morea de cartos -moitas veces en fichaxes peregrinas, porque o de Balboa, o do chinés este Yu Dabao de hai un ano ou dous, e inda por riba os que non fixeron -buscaban a Codina tendo tres porteiros-, levan máis dun adestrador por tempada, coa excepción deste ano e xa veremos que pasa, e todos os adestradores con estilos distintos...
    Un desastre, e claro, os xogadores están fartos: Luisao quere marchar, David Luiz se deixa de lesionarse non ha durar moito, e máis...
    Un saúdo

    ResponderExcluir
  2. Eu vin o partido e gañaron sen facer nada do outro mundo, pero sobrados, como o Porto onte. Coincido contigo no de Adrien Silva -merece máis minutos. En canto a Quique, nunca me gustou a súa actitude. É dos típicos que lle botan a culpa a súa nai antes de asumir a propia. Ten un ego que non pode con el e montou o equipo sen saber de que vai a Liga portuguesa. Eu véxolle un plantel a anos luz do Porto. SAUDOS

    ResponderExcluir