12/03/2009

UN PORTO SUPERIOR OS 180 MINUTOS

Dende que o Porto gañara brillantemente a súa última Copa de Europa en Gelsenkirchen, non volvera meterse nos cuartos de final. Fíxoo onte despois de superar unha eliminatoria ante o Atlético de Madrid na que foi superior aos colchoeiros durante 180 minutos, aínda que o pase só se decidise pola diferenza dos goles en campo contrario (2-2 no Calderón, 0-0 no Dragão). Mais os de Jesualdo demostraron por que son uns clásicos de Europa e o Atlético de Madrid non. Saíron cunha agresividade tal que logo intimidaron a un Atlético carente da mínima grandeza. Os de Abel chegaban ao Estadio do Dragão coa necesidade de marcar alomenos un gol e nin sequera dispuxeron dunha ocasión que poida ser tomada como tal. O trío atacante dos portugueses: Lisandro, ´Cebolla’ Rodríguez e Hulk, acudían á presión dos defensores con intención de trabalos á mínima ocasión e estes logo se acovardaron lembrando a desfeita do Calderón, especialmente Pablo Ibañez, que tremía cada vez que vía achegarse ao Hulk, de alcume ben acaído. Arriba o Atlético renunciou sorprendentemente a Forlán e presentou un debuxo desconcertante, con Agüero só na punta, Sinama Pongolle por banda dereita, Simão pola esquerda e Maxi Rodríguez de mediapunta polo centro, onde a súa participación foi nula agás no traballo defensivo para tapar a Raul Meireles, moi acertado á hora de distribuír o balón co rapidez e criterio, sobre todo no segundo tempo, que foi cando o Porto fixo máis dano, talvez porque o Atlético estaba absolutamente desconcertado, sen saber que facer, avergonzado pola pobre imaxe que estaba dando de si mesmo. Na recta final do partido os branquiazuis desperdiciaron as mellores oportunidades de sentenciar a eliminatoria: Hulk enviaba un corner directo ao traveseiro, Lisandro batía tamén co poste despois ter xa superado a Leo Franco. Mais o Atlético foi tan pobre, que nin sequera acordou contra o final do partido, cando comprobou que chegara con vida despois de facer tan pouco. En ningún momento ameazou ao porteiro Helton, un tipo pouco seguro. Os centrais Bruno Alves e Rolando sacaron perfectamente todos os balóns colgados á área. O Porto pasa a cuartos merecidamente. Jesualdo Ferreira tira recompensa do seu bo traballo e cómpre volver soñar co máis grande. (Foto collida na web oficial do Porto)

2 comentários:

  1. Debo recoñecer que case sempre quero que o Porto perda e non soamente non ocorre senon que adoitan darme leccións para fastidiarme.
    Primeiro porque nunca tiven fe en Jesualdo e aí está o tío, cun equipo ofensivo, alegre e en constante reconstrucción ano a ano, por non falar das últimas ligas gañadas
    Despois porque me gusta velos xogar e me gustan moitísimo algúns dos seus xogadores, como Meireles ou os dous centrais.
    Gústame a confianza que lles dan a moitos xogadores que un ano pasan bastante desapercibidos pero nas seguintes tempadas collen a responsabilidade do equipo (Bruno Alves pasou de ser un "leñero" a ser un central de garantías, Meireles fíxose xa, sen dúbida, coa lideranza no medio do campo)
    Penso que se perden xogadores máis tarde ou máis cedo atoparan recambios, por non contar cos xogadores que veñen por detrás, a min gústame bastante un rapaz que teñen cedido no Olhanense, Castro.
    E se as cousas non van ben, pois se tira de talonario e a asinar, como fixeron con Andrés Madrid ou Cissokho.
    A´lédome moito polo Porto e polo futbol portugués que a min quédame moito máis preto que o Real/Atlético/Barça.

    ResponderExcluir
  2. Pois a min sempre me gustou o Porto, inda despois das semifinais contra o Dépor. Téñenche un equipiño moi feito. Efectivmente o Meireles está facendo unha campaña moi boa, o mesmo co Bruno Alves. Hulk está a ser a sensación e Lucho, Lisandro, Rodríguez, Farías... ademais de bos xogadores teñen o punto competitivo ese dos xogadores arxentinos. Paréceme un equipo máis feito, dende logo, que o Benfica e co Sporting, e destes dous gústame máis o propio Sporting. A ver que tal hoxe o Sporting Braga en París. Unha aperta!

    ResponderExcluir