08/03/2009

O PORTO FIRME NA CABEZA

O Porto non cede na súa loita polo título malia sentir na caluga o bafo do Benfica, que tampouco parece ceder nos últimos partidos. Onte, o equipo de Jesualdo Ferreira tiña que acudir a un estadio moi complicado esta temporada, o Estádio do Mar de Matosihons, no que os veciños do Leixoes prometían unha dura batalla. O Porto xogaba coa responsabilidade de ter que loitar pola Liga mais tamén de pensar que o vindeiro mércores agarda o partido máis importante da temporada ante o Alético de Madrid. O Jesualdo Ferreira apenas reservou dos titulares ao Lisandro López. Logo saíu con todo e bateu cun equipo do Leixoes especialmente errático, que agasallou cun penalti absurdo de Hugo Morais ao pouco de comezar o partido. Transformouno sen problemas Lucho e o partido púxoselles de cara os branquiazuis. Destacou por riba dos demais a gran sensación este ano da Liga: o brasileiro Givanildo Vieira da Souza, alcumado como Hulk. Rápido e potente móvese con intelixencia por toda a fronte do ataque e é despiadado á hora de encarar o porteiro. Con 22 anos é a gran promesa da Liga portuguesa, á que chegou maduro despois dunha experiencia enriquecedora no exótico fútbol portugués, ao que chegou moi noviño e onde triunfou co Consadole Sapporo e o Tokyo Verdy. Despois do descanso, o Hulk aproveitou un erro defensivo do lateral dereito Laranjeiro -é o segundo partido consecutivo no que este xogador reagala un gol ao contrario- para marcar facilmente o segundo. Logo todo foi facilidade para o Porto, que marcou o terceiro por medio de Raul Meireles e o cuarto por medio do arxentino Farías. O Leixoes reducíu a desventaxe cun gol tardío do Diogo Valente pero non foi rival para un Porto que é candidato principal ao título á espera do que faga hoxe o Benfica en Figueira da Foz contra o modesto Naval. O sporting superou en puntos aos seus veciños despois de gañar con facilidade na casa ante o Paços Ferreira con goles no primeiro tempo de Liedson e Derlei. (Foto da web oficial do Porto).

Nenhum comentário:

Postar um comentário