07/03/2009

POUCA CHICHA NO DEBÚ DE EUSEBIO

O novo Celta do 4-3-3 de Eusebio aportou algo máis de talante e intención pero perseverou, se non profundou aínda máis, nos erros crónicos que o teñen levado á crítica situación na que está. En efecto o Celta tivo moito máis o balón e xogou máis aseadamente. Os quince primeiros minutos deixaron satisfeitos ás ducias de afeccionados que acudiron a Balaídos. O equipo tocaba e tocaba o balón se ben é certo que lonxe das zonas onde verdadeiramente se ten perigo e ante a conformidade dun Huesca que é un equipo superordenado e que sabe saír ao contragolpe moi xunto e con moito perigo, con homes rápidos e perigosos arriba como Rubén, Camacho ou Rodri. Só cando o balón lle chegaba a algunha das bandas a David Rodríguez, o Celta era capaz de crear algunha ocasión de perigo, grazas á facilidade coa que hoxe desbordou o dianteiro talaverano. Tamén Trahorras foi quen de xerar unha magnífica ocasión, cunha asistencia xenial por riba da defensa que desaproveitou un torpe Ghilas. Mais Roberto Trashorras deu, como é habitual, un par delas de cal e outro par delas de area, en forma de perdas do balón en zonas do campo nas que non é nada aconsellable perdelo. De dúas perdas a piques estivo o Huesca de armar un par de contras realmente perigosas. Tal vez por ese motivo decidíu Eusebio trocar no descanso ao de Rábade por Borja Oubiña, máis afeito a ocupar espazo no medio campo e a xogar co espello retrovisor. Porén, o Celta empeorou notablemente a súa imaxe na reanudación. Cada vez costáballe máis atopar algún espazo na defensa aragonesa. A ansiedade agromou nos xogadores e nas bancadas, co que consecuentemente minguou a seguridade e confianza dos homes de atrás. Nunha xogada aparentemente inofensiva o Huesca acabou atopando o gol, cunha magnífica volea de Jokin Esparza, despois de que os centrais vigueses foran incapaces de quitarlle o balón aos dianteiros do Huesca que a xogaban tranquilamente na frontal da área. Como na época de Pepe Murcia, o Celta non demostrou tampouco capacidade de reacción e acabou perdendo tres puntos que o afunden un pouco máis aínda na táboa. Moito terá que traballar aínda Eusebio, que se quere procurar a beleza no fútbol do seu equipo, mellor será que procure armalo ben en defensa e dotalo de carácter para garantir a permanencia de xeito que para a temporada vindeira poida argalllar o equipo ao seu gusto futbolístico.

Nenhum comentário:

Postar um comentário