12/03/2009
O CSKA ENCARREIRA A ELIMINATORIA
Un dos duelos máis interesantes da xornada de hoxe na UEFA era o que enfrontaba no Luzhniki de Moscova ao CSKA e o Shaktar Donetsk, dous equipos que representan a emerxente puxanza dos clubes rusos e ucranianos no fútbol europeu. Dous clubes, porén , que representan xeitos diferentes de xogar ao fútbol. O CSKA, que adestra o Zico, representa o fútbol directo, de rapidez e desborde polas bandas con xogadores como Vágner Love, Zhirkov ou Krasic. O Shaktar de Mircea Lucescu, en cambio, é un curioso equipo que se fornece na defensa e no medio campo de futbolistas do Leste curtidos en moitas batallas: o romeno Rat, os croatas Srna e Djulaj, o checo Hubschmann... mentres que para as medias puntas e os dianteiros ten unha pequena colección de novas promesas brasileiras: Fernandinho, Ilsinho, Jadson, Luis Adriano, que son incapaces de rifar unha bola e pretenden xogar seguido o primeiro toque e entrar na portería co balón no pé. Foron estes brasileiros os que quixeron asumir o control do partido nos primeiros minutos, ante a complacencia do CSKA que defendía moi atrás para que non gañasen as costas dos seus lentos centrais. O equipo de Zico non devecía tanto polo balón como por ter espazos para lanzar as súas contras. A medida que o Shaktar se deseperaba ao atopar as portas pechadas, o CSKA, obrigado pola súa condición de local, foise botando cara adiante e procurou atacar algo máis, sobre todo, e xa que o talentoso Dzagoev non tivo o seu mellor día, procurando a velocidade e o desborde nas bandas de Krasic e Zhirkov. O extremo esquerdo ruso non puido brillar xa que anulouno un excepcional Darijo Srna que foi abofé o mellor do seu equipo tanto en defensa, como en ataque, pois as súas incorporacións por banda dereita foron o principal argumento do seu equipo, sobre todo cando xa remaban co marcador en contra. O outro lateral do Shaktar, en cambio, si que sufriu algo máis na marca de Krasic. O croata escapóuselle a Rat nun par de ocasións e á volta do descanso fíxolle un claro penalti que Vágner Love transformou rompendo a igualdade no partido. Co marcador a favor, o CSKA volveuse repregar mentres que Lucescu mirou no banco que tiña e puxo outro brasileiro, William, e ao boliviano Moreno. Tanta xente enriba só serviu para que a banda dereita lle quedara libre, como dixemos, a Srna, que por aí foi principal argumento dos ucranianos, que inda que rondaron a área de Akinfeev, apenas dispuxeron de ocasións claras de gol. Os defensas do CSKA: os míticos irmáns Berezutskii e Ignashevitch, bastante irregulares, tiveron hoxe un partido impecable. O resultado é magnífico para o CSKA, que poderá manexar na volta o marcador ao seu antollo sabedor de que a medida que sexa capaz de manter a súa porta a cero, disporá cada vez de máis espazos para os seus veloces homes de arriba. O Shaktar terá que afrontar a volta con paciencia, mais tamén coa paixón que transmite a súa apaixonada torcida. (Foto de Aleksandr Mysyakin)
Marcadores:
CSKA de Moscova,
Fútbol,
Krasic,
Mircea Lucescu,
Shakhtar Donetsk,
Srna,
UEFA,
Vagner Love,
Zhirkov,
Zico
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário