18/03/2009

A MACARRADA DE JOKANOVIC

O serbio Slavisa Jokanovic será lembrado sempre na Coruña por ser un dos compoñentes, xunto con Mauro Silva e Flávio Conceição, do mítico trivote de Irureta no ano que gañamos a Liga. En 2007 debutou como adestrador nada menos que nun dos equipos clásicos do seu país, o Partizán de Belgrado, substituíndo a outro mito do deportivismo, Miroslav Djukic, na actualidade técnico da selección serbia. O traballo de Jokanovic á fronte do equipo foi espectacular, acadando o doblete (Liga e Copa), e dando a coñecer a dous xogadores novos Zoran Tosic e Adem Ljajic, que van dar moito que falar no futuro e que xa foron fichados polo Manchester United. Jokanovic é noticia esta semana no seu país por non acudir a recibir o premio a mellor técnico do ano en Serbia, alegando que non lle interesaa, o que xerou unha enorme polémica por ser considerado un desprezo. “Discúlpome ante os que se poidan sentir ofendidos polo meu xesto. Simplemente, a cerimonia coincidiu cun adestramento importane para o equipo”, explicou. “Prefiro recibir trofeos ao remate da temporada en maio”. Sen dúbida, o mellor partido de Jokanovic co Dépor foi o disputado o 2 de abril de 2000 no Sanchez Pizjuán de Sevilla. O Dépor impúñase por 1-3. O serbio marcou os dous primeiros goles, de cabeza, no primeiro cuarto de hora. Mais o partido será lembrado pola actuación arbitral de Mejuto González, que tivo que saír protexido do estadio despois de anularlle dous goles legais ao Sevilla que lle terían impedido sumar os tres puntos ao Dépor. Tres puntos que ao final da temporada foron fundamentais para conseguir o único título ligueiro da nosa historia. Ai! (A erótica foto de Jokanovic celebrando un dos seus goles no Pizjuán collina en canaldeportivo.com)

Nenhum comentário:

Postar um comentário