Esta fin de semana non houbo liga en Portugal, pois disputábase a final da Taça da Liga, un torneo que cumpre a súa segunda edición. Torneo polo xeral secundario para os grandes de Portugal, tiña na final desta edición un interese grande por canto enfrontaba a dous equipos sumidos nunha chea de dúbidas: Benfica e Sporting. Alén do orgullo de gañarlle ao eterno rival, facerse co título sería un pequeno consolo para dous equipos que poderían ficar sen nada ao remate da temporada. Había, xa que logo, moito que perder. E o gran perdedor foi o Paulo Bento, adestrador dos leoes ao que lle costa cada vez máis xustificarse ante os seus esixentes adeptos, zangados despois do ridículo europeo contra o Bayern de Munich (12-1 de resultdo global nos oitavos da Champions). O Paulo Bento chegou a ese estado no que un sente que todo o mundo está contra el e, por moito que se esforce, non hai que facerlle. E talvez razóns non lle falten para pensar que o mundo está contra el despois da inxustiza arbitral que determinou a final do sábado no ateigado Estádio do Algarve. Adiantárase o Sporting no primeiro tempo con gol de Pereirinha, e o Benfica de Quique estaba a ofrecer unha imaxe ben pobre, acorde coa súa irregularidade ao longo do ano, cando apareceu a figura do árbitro Lucílio Baptista para sinalar, no 75, un inexistente penalti por man de Pedro Silva, quen ademais foi expulsado inda que, segundo os xogadores do Sporting, o asistente teimou en dicirlle ao árbitro pincipal que estaba errado. O caso é que Reyes marcou o penalti e o partido foi ao tempo de prolongamento. No debe dos benfiquistas hai que apuntar a incapacidade para resolver un partido en maioría numérica e ante un rival perplexo polo que consideraba un roubo. Nos penaltis o protagonista foi Quim, porteiro condenado ao ostracismo na Liga, que porén detivo tres penaltis e lle deu o título ao seu equipo. Ao día seguinte, Paulo Bento deixou ver o seu desexo de liscar de Alvalade para o fin da temporada pois “séntese canso”. O árbitro, pola súa banda, recoñeceu na televisión que se cadra tomara unha decisión errada ao apitar o penalti. Demasiada axitación en Lisboa. Demasiado acougo no Porto. (As fotos de Paulo Bennto e Lucílio Baptista da web do Sporting)
23/03/2009
Assinar:
Postar comentários (Atom)
O tema arbitral en Portugal é de vergoña desde fai anos, e a actitude que hai nos medios de comunicación non axuda nada. O curioso é que sempre están queixándose os tres grandes.
ResponderExcluirNalgún post anterior xa comentei que Paulo Bento non é quen de sacar o mellor do Sporting -supoño que está lamentando non ter aceptado a oferta do ManU para sustituir a Queiroz-. A min non me convence moito. Ademais este ano está o equipo bastante encabronado. O certo é que o Sporting economicamente está un chanzo por debaixo dos seus rivais e iso hai que telo en conta.
A idea de que a situación do Benfica é bastante triste é a ledicia vivida por este título secundario. Xogador por xogador ten un equipo para competir ben en Europa, pero non sei que narices ocorre alí.
A min a situación -salvando as enormes distnacias- lémbrame moito a do Madrid: varios adestradores distintos nos últimos anos, a maioría deles non acabaron a tempada, e cada un cun estilo de xogo distinto -incluso sen estilo, como Quique que non sabe se quere ser defensivo, equilibrado, ofensivo, balón longo, xogo polas bandas, vamos como aquí, incluso na actitude de non asumir responsabilidades e falar de partidos distintos aos que o resto vemos-, e demasiadas fichaxes cada ano e de todo tipo -peregrinas, exóticas, interesantes, e xogadores importantes que non dan a talla nin marcan diferenzas.
O exemplo está no norte claramente. Hai un esquema de xogo e se adaptan os xogadores. Cada ano hai baixas de xogadores importantes e outros asumen esa responsabilidade. Se a cousa non acaba de funcionar, aproveitase con sensatez o mes de decembro.
Tan difícil é decatarse disto?
Ola
ResponderExcluirO que falas do Paulo Bento, que debe estar lamentando ter rexeitado a oferta do United para substituír a Queiroz lémbrame unha historia que fala ben de como as modas inflúen á hora de fichar adestradores. Cando se empezaba a falar de Mourinho, por mor da UEFA e da Champions que gañara o Porto, o Madrid pretendeu fichar un adestrador do mesmo perfil: e reparou no Queiroz: portugués, de mediana idade, elegante, e durante moitos anos á beira dun mito do fútbol inglés: tradutor o un de Robson, segundo o outro de Ferguson. O experimento saíulles fatal. O Madrid de Queiroz pasará á historia dos despropósitos por como chegou absolutamente desfondado ao final da Liga. Figo, Raul, Ronaldo, Beckham, Zidane, Roberto Carlos... xogaban naquel equipo que cara o final do campionato perdeu cinco partidos seguidos, algún deles de malleira memorable. O caso é que resulta triste ver o fácil que é vender fume nisto do fútbol. Non sei, ti, que segues máis ca min o fútbol portugués como ves a Queiroz ao mando da selección? E falando do que che falaba, ao Benfica dame a impresión de que lle pasa algo parecido. Apostaron por un técnico 'prestixioso' en España que quixo montar un equipo ao seu xeito sen saber nada do fútbol portugués. Iso, polo xeral, non sae, como non lle saiu a Víctor Fernández no Porto.
UN SAUDO
Coincido no do técnico que nada sabe do fútbol portugués. A min dame a impresión de que hai certa falta de respeto cara o fútbol portugués en España (o da eliminatoria do Atlético de Madrid é evidente, pensaban que ían xogar con catro mantas ou algo así), aí tes as fichaxes que recomendou Quique: Balboa (sen comentarios) e dous tíos aos qu venderon como estrelas (Aimar en evidente costa abaixo cando tampouco estivo nunca no cumio, e Reyes... ao que inda por riba compraron definitivamente no Benfica pensando que era un bo negocio -é verdade que mal nn se pode dicir que o esté a facer, pero o precio pagado pquizais sexa excesivo-.
ResponderExcluir¿Recomendaria Camacho, amigo íntimo do presidente do Benfica, a Quique?
Por certo, non sei se algunha vez piodería ter escoitado unha rolda de prensa de Camacho en Portugal... Eran extraordinarias. Os seus acho... acho... acho...
No tocante ao Queiroz -cuxo prestixio é incríbel na prensa portuguesa- danlle tempo porque confían en queel vai recuperar as "camadas" da selección -en franca dfecadencia nestes ultimos anos onde on acadaron o pase as fases finais salvo un sub 19 (onde estaban Carriço, Coentrao, o fillo de Sa Pinto, Candeias, Rui Patricio, Stevio Cruz e algún outro que non lembro e que despois foron ao mudial sub20) e que Scolari ignorou absolutamente- pero hai certa urxencia para clasificarse para Sudáfrica porque a cousa non está moi clara -Xóganse moito con Suecia (sen brahimovic, non sei a razón)-, pero claro, non hai dianteiro centro -fíxate que chamou a Orlando Sa que no Braga apenas xoga-, ten problemas no lateral, sóbranlle centrais -baralla incluso poñer a Pepe de medio centro...- En fin, contestando á pregunta, quédalle creto -diría que incluso no caso de que Portugal non se clasificase para o mundial-
Parece ser que como as cousas non están claras e o partido e no Dragao (por certo que póñome malo cando leo que lle chaman ao campo "Do Dragao" igual que lle chamaban "Das Antas" e non As Antas) vai tirar da base do Porto (Alves-Rolando (penso que ocntará con Pepe, pero...), e Meireles no medio centro)
Hostias que sermón me saiu.
Eu teño a sensación de que Portugal, con respecto ao combinado nacional, vive nunha situación de certa angustia, sobre todo despois da Eurocopa que perdeu con Grecia. Tiveron unha xeración de grandes xogadores, con Figo, que perdeu a súa oportunidade. Agora teñen outra, Con Cristiano, Ricardo Carvalho e Deco, que tampouco acaba de funcionar e enceréllanse en debates algo inútiles e nun grao de esixencia esaxerado que é, de por si, contraproducente. Portugal ten un equipo espectacular e ten que aspirar a gañalo todo, claro está, mais hai que entender que só pode gañar un. Tamén é certo que indeendentemente dos resultados e das continxencias da competición, o fútbol da selección deixou moito que desexar na pasada Eurocopa ou no pasado Mundial. Alén diso, Cristiano aínda non asumiu o seu papel protagonista, se cadra por non competir co liderado de Figo, compañeiro de Raul tantos anos. Por certo, viches o que di Djalminha de Cristiano na entrevista que puxen máis arriba? Máis nada. Dá gusto ler os teus sermóns, pois dende aquí un non pode seguir o fútbol portugués tanto como quixera e ti falas con moito xeito e con moito coñecemento. UNHA APERTA
ResponderExcluir